O goberno local presenta o maior orzamento da historia de Ponteareas

sdr

Ascende a máis de 22 millóns de euros, un 34% máis que en 2018, e destina 7 millóns a investimentos en obras e servizos

O goberno BNG-PSOE do Concello de Ponteareas presentou publicamente o maior orzamento da historia da localidade. A intención do goberno de coalición é aprobalo neste mes de xaneiro. O presuposto pactado entre ambas as dúas forzas políticas ascende a 22,2 millóns de euros, fronte aos 16,9 millóns de euros de 2018, o que supón un incremento dun 34%. Ese aumento dispárase até ó 70 % se o orzamento se compara co derradeiro aprobado polo goberno do Partido Popular, de pouco máis de 13 millóns de euros. O orzamento é equilibrado, coa mesma contía de ingresos e gastos, o que permitirá cumprir un ano máis o principio de estabilidade orzamentaria.

O Alcalde Xosé Represas, quen ademais é responsábel da área de Facenda, sinalou que “o orzamento ten tres obxectivos fundamentais: investir en novas obras e servizos que melloren a calidade de vida, crear emprego en Ponteareas e ampliar e reforzar os servizos e prestacións sociais para avanzar nunha sociedade máis igualitaria e cohesionada”. Neste sentido, Represas salientou que se destinarán 7 millóns de euros a investimentos en obras e servizos, financiados con recursos propios e outros de procedencia europea como os da estratexia DUSI e IDAE, destinados principalmente a alumeado público, “logrados grazas a unha eficaz xestión no pasado mandato”.

Pola súa banda, a concelleira socialista Chus Garrote cualificou os orzamentos de “ambiciosos” e salientou que darán un impulso definitivo á transformación de Ponteareas. No orzamento contémplase o investimento de máis de catro millóns de euros para a renovación de todo o alumeado municipal, tanto na vila como nas parroquias, unha acción que acometerá a área de alumeado xestionada por Garrote e que suporá unha mellora na calidade da iluminación pública e un grande aforro económico en consumo para o Concello.

Represas explicou que con este orzamento “non se incrementan impostos e se destinan 735.000 euros para subvencións a colectivos sociais e culturais, traidas veciñais, clubs deportivos, etc, o que supón un incremento de case o 25% respecto a 2018”.

En canto ao persoal, área baixo a responsabilidade do PSOE, o gasto orzamentado representa o 31,8% con algo máis de sete millóns de euros aínda que o custo real da plantilla fixa se rebaixa aos 5,5 millóns de euros. Chus Garrote salientou que os orzamentos posibilitan tamén a convocatoria de 20 prazas novas de persoal necesarias para o Concello, nas distintas ofertas de emprego a convocar este ano, o que suporá unha mellora no funcionamento administrativo municipal e a atención cidadá.

Por último, os gastos correntes e o funcionamento dos servizos públicos acadan o 31% do orzamento con 6,9 millóns de euros sendo a partida máis destacada, con 1,6 millóns de euros, a de limpeza viaria, recollida de lixo e tratamento do mesmo en Sogama.

Represas e Garrote amosáronse moi satisfeitos cuns orzamentos cuxa aprobación está asegurada coa maioría que ostentan BNG e PSOE e que “son o resultado do saneamento económico que realizamos nos últimos catro anos con grandes esforzos municipais e sacrificios para a veciñanza de Ponteareas”.