O Goberno local leva a Pleno instar ao Ministerio de Fomento a cumprir os seus compromisos para a posta en valor do Castro da Troña

En marzo de 2015, o Ministerio de Fomento asinaba o protocolo coa Deputación de Pontevedra para recuperar e protexer dezaoito castros da provincia.

A día de hoxe, a institución provincial rematou os traballos correspondentes segundo o cronograma pactado, porén o Ministerio non os iniciou.

O Goberno local leva a Pleno a súa preocupación polo incumprimento por parte do Ministerio de Fomento do protocolo que afecta directamente a un dos castros máis importantes no noroeste peninsular, come é o de Troña. “Non entendemos como se escuda por estar funcións para levar adiante esta actuación, mentres prorrogan a concesión do dominio público de ENCE por 60 anos máis.”, indica o alcalde Xosé Represas.

Segundo o protocolo firmado por ambas institucións a Deputación levaría a cabo as tarefas de limpeza en todos os xacementos e escavacións en seis deles e o Ministerio de Fomento executaría os traballos de musealización, consolidación, restauración, accesibilidade e sinalización dos mesmos.

A Deputación xa executou as escavacións na Trega (A Guarda), en Castro Alobre (Vilagarcía), no Mercado dos Mouros (Valga) e está a realizalas no xacemento da Lanzada (Sanxenxo), investindo máis de 2 millóns de euros, mentres o Ministerio de Fomento tan só adxudicou un concurso de ideas para adxudicar un contrato para a realización dos proxectos de acción, é dicir, non executou nin o 1% do seu orzamento comprometido no protocolo de 2015. Os Presupostos Xerais do Estado para 2015 recollían unha partida destinada aos dezaoito xacementos castrexos cun custe total de 4.134.350 euros.

Este será un dos temas que tratarán na sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas mañá 18 de outubro ás 20.00 horas na Casa do Concello.