O Goberno local inicia unha campaña informativa sobre a vespa velutina nos centros escolares ponteareáns

A iniciativa, que correrá a cargo dos bombeiros de Ponteareas e o apicultor Tomás Rivero, mostrará ao alumnado como facer sinxelas trampas caseiras para que poidan poñer o seu gran de area no control desta praga.

 O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá, que xestiona Vanesa Fernández, iniciou ho
xe venres unha campaña informativa sobre a vespa velutina, dirixida ao alumnado dos centros educativos de Ponteareas.

A iniciativa, que correrá a cargo dos bombeiros de Ponteareas acompañados do apicultor ponteareán Tomás Rivero, busca concienciar aos máis pequenos sobre os efectos que a vespa asiática ten sobre a biodiversidade autóctona. A maiores da información que se lles ofrece aos escolares de xeito ameno, estes aprenderán a facer sinxelas trampas caseiras para que, dese xeito, poidan poñer o seu gran de area no control des
ta praga.

Ao longo das charlas informativas, aos alumnos e alumnas entrégaselles un folleto informativo no que amais da construción, paso a paso, das anteditas trampas caseiras, explicase que é a vespa velutina ou asiática, a diferencia entre esta e a vespa crabro ou autóctona, como son os niños e onde se localizan e, ben resaltado, a recomendación de que se avistan un niño de vespa velutina, non se acheguen a el e dean aviso inmediato ao 012.

O CEIP Fermín Bouza Brey foi o primeiro centro educativo en acoller, hoxe venres, esta activida que, o martes 7 de marzo, terá a súa continuidade no CEIP Feliciano Barrera de Guláns e Santiago Apóstol, para facelo, o venres 10 de marzo, no IES Val do Tea.

O Concello de Ponteareas, explicaba a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, “comparte a preocupación dos apicultores polo avance da praga da vespa velutina” polo que é importante, a concienciación da sociedade “para que, entre todos, poñamos os medios que estean ao noso alcance para tentar frear un problema que ameaza, moi seriamente, á biodiversidade autóctona”.

Vanesa Fernández, destacando a labor dos Bombeiros de Ponteareas acompañados por un apicultor que, no pasado ano, retiraron máis de cinco centos niños no municipio ponteareán”. Remataba a concelleira subliñando o feito de que “Ponteareas é un dos concellos da provincia de Pontevedra no que maior incidencia ten a praga da vespa velutina”.