O Goberno local expresa a súa indignación polos actos vandálicos contra os espazos públicos

O executivo ponteareán pide a colaboración cidadá e lembra que as desfeitas afectan a toda a veciñanza

O Goberno local de Ponteareas amosou a súa indignación polos últimos actos vandálicos que teñen como obxectivo as zonas de lecer infantís e os espazos públicos municipais.

O executivo que preside Xosé Represas, lembrou que estes actos “supoñen un ataque directo contra os intereses xerais dos veciños e veciñas” xa que “afectan directamente aos espazos nos que xogan os seus fillos e fillas ou onde gozan do seu tempo de lecer”.

O Concello de Ponteareas, que pide a colaboración cidadá para eliminar o vandalismo do municipio, asegura que tomará as medidas legais oportunas “contra aqueles que, sen ningún tipo de escrúpulos, esnaquizan aquilo que é propiedade do conxunto da veciñanza”

Os últimos actos vandálicos tiveron como obxectivo a zona de recreo infantil do Regato da Venda, onde roubaron case que todos os elementos de peche do parque. Esta circunstancia representa un grave perigo para os nenos e nenas que utilizan dita zona, xa que se atopa moi preto do regato, circunstancia “pola que se dará prioridade este traballo para garantir a seguridade dos pequenos usuarios e usuarias desta zona de lecer”.

A maiores, os actos vandálicos, lembra o Concello de Ponteareas, “supoñen un evidente prexuízo contra o peto dos veciños e veciñas xa que as reparacións teñen que ser realizadas con cargo ás arcas municipais”.