O Goberno local esixe ao PP que explique á veciñanza os verdadeiros motivos para recorrer aos orzamentos municipais

“O único interese do PP é impedir que se normalice a situación contable do Concello”

Ante a insistencia do PP de ameazar con recorrer á xustiza os orzamentos municipais definitivos de 2016, o Goberno local pídelle aos PP explicacións. “Queremos que expliquen a verdadeiras razóns para tentar entorpecer a nosa labor, porque os informes precisos para aprobar os presupostos están, existen, e son favorables”, indica o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso. “A veciñanza merece saber porque non queren uns orzamentos para Ponteareas, tan necesarios para desenvolver o traballo diario nunha institución. O único interese do PP é tratar de atrancar a xestión do actual goberno e impedir que se normalice a situación contable do Concello”, manifestou.

O concelleiro de Facenda criticou a oposición do Partido Popular sobre os novos orzamentos, “non teñen a máis mínima vergoña política” polas súas ameazas de recorrelos, que xa están en vigor dende o pasado día 8 de xullo. “Parece que non lles chegou con non facer nin un só orzamento en cinco anos e deixar o Concello ao borde do precipicio, que agora aínda teñen o atrevemento de anunciar que van recorrer os orzamentos que acabamos de aprobar”

“Parece que canto peor lle vaia ao Goberno de Ponteareas, a oposición está máis contenta. Nun desexo egoísta, non lles importa o futuro do Concello, que deixaron nunha situación máis que precaria, con débedas e problemas xudiciais sen resolver. Só lles preocupa o seu propio interese partidista”, critica o alcalde, Xosé Represas.

O Alcalde instou ao PP a pensar nos cidadáns, realizar unha oposición construtiva e deixar traballar en lugar de por “paus nas rodas”.