O Goberno local desminte os danos nas obras na senda do Tea e pide que non se caia en “alarmismos sen fundamento”

Non hai danos na zona restaurada hai uns meses e parte dos traballos a realizar quedaron pendentes ata a primavera

As informacións vertidas na prensa nos últimos días, sobre uns “supostos danos na Senda do Tea recen restaurada” no seu treito entre A Freixa e Padróns, foron desmentidos polo Goberno local de Ponteareas que asegura que “non hai nin un só metro cadrado danado polas recentes choivas e inundacións, na zona que foi restaurada nos últimos meses”.

O Executivo ponteareán que preside Xosé Represas, que tamén xestiona a Concellaría de Medio Ambiente, non dubida en facer un convite aos veciños e veciñas, a que se acheguen á devandita zona “e comproben por si mesmos o estado no que actualmente se topa a senda no tramo de actuación ata Padróns”. Vai máis alá o Concello de Ponteareas ao adiantar que farán unha invitación “aos técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Urbanismo e aos da Confederación Hidrográfica para que poidan corroborar dita situación”.

Aínda que o momento de facer unha valoración “seria e rigorosa” será cando remate o inverno, xa que a estas alturas sería “totalmente prematuro”, asegura que non é de recibo “utilizar a desinformación e xerar unha situación de alarmismo sen xustificación algunha”.

Lembra o Concello que unha parte da senda “está sen tocar e polo tanto igual que o ano pasado” xa que se optou “por esperar á primavera para actuar sobre ela”. Nesa zona, explica o Concello de Ponteareas, será onde se vaia utilizar precisamente “ligante ecolóxico co xabre para consolidala e evitar futuros arrastres”. A utilización de ditos materiais “non responde a unha razón arbitraria, senón que son materiais autorizados e aconsellados por Medio Ambiente”, segundo se recolle no correspondente informe técnico. Dito produto, engade o Goberno local “tense utilizado en zonas sensíbeis ou de especial protección, como son neste caso, as beiras do Tea”.

Os traballos, conclúe o Executivo ponteareán, non puideron realizarse antes “pola tardanza do convenio coa Xunta”, dado que esa demora fixo que se perdera parte do importe do convenio, o Goberno local “decidiu non acometer esa parte da obra que podía resultar máis afectada polas inundacións”.

Finalmente, o Concello de Ponteareas asegura, de xeito rotundo, que todas as actuacións que se realizaron “leváronse a cabo co máximo respecto ao medio natural e contando coas indicacións dos técnicos da Xunta de Galicia nesta materia”.