O Goberno Local de Ponteareas reafírmase no cumprimento da normativa sobre instalación de terrazas

hostaleiros-terrazas-1O Goberno Local de Ponteareas reafírmase no cumprimento da normativa sobre a instalación de terrazas na vía pública, aplicando a ordenanza vixente, e que contou co consenso do sector hostaleiro no seu momento, querendo establecer un criterio de control que ata o de agora non había, en beneficio do conxunto dos hostaleiros e da cidadanía.

Mario Lago, concelleiro de Comercio e Hostalería, quere lembrar que na xuntanza mantida o día 29 de xullo cos hostaleiros,  informouse que se ía establecer un criterio diferenciador en canto ao prezo na instalación de mesas e cadeiras que sería aplicable no 2016, no que se fixaría unha taxa distinta segundo se trate de  época  estival ou de inverno. Este criterio diferenciador estableceríase buscando o consenso entre as partes.

Así mesmo, indícase que o Goberno Local non ten afán sancionador nin recadador, entendendo que pode haber excepcións puntuais en determinados días , sempre e cando non se obstaculice a vía pública.

Por outra banda, o concelleiro da área púxose en contacto cos directivos da asociación de Hostalería para aclarar as dúbidas sobre a aplicación da ordenanza e fixar unha reunión na que estudiar a modificación das taxas aplicables no inverno.