O Goberno local continúa cos encontros cos veciños e asociacións en cada unha das parroquias do municipio

O Executivo ponteareán mantén, deste xeito, o compromiso de abrir o municipio ás necesidades reais da veciñanza

 

Durante esta semana, o Goberno local de Ponteareas manterá tres novas reunións con veciños e colectivos das parroquias de cara a coñecer, de primeira man, as necesidades reais que ten a veciñanza e, por outra banda, que veciños e colectivos poidan expoñer as súas dúbidas o suxestións dunha forma directa.

Logo das xuntanzas mantidas o pasado luns en Fozara e o martes en Ribadetea, o xoves 9 de febreiro reuniranse coa veciñanza e asociacións e colectivos da parroquia de Nogueira para, o venres 10 de febreiro, facer o mesmo en Cumiar. As reunións desta semana, pecharanse coa que terá lugar o domingo 12 de febreiro, en Celeiros.

As reunións, como explica o alcalde, serven para que veciños e veciñas “poidan expresar ao Goberno local as súas preocupacións, as súas ideas e tamén as súas queixas”. Esta iniciativa na que o alcalde está acompañado pola tenente de alcalde, María Jesús Garrote, polo concelleiro de Servizos Sociais e Medio Rural, Manuel Troncoso, e outros membros do goberno “responden á política de información e transparencia coa que nos comprometemos dende a sesión de investidura”.