O goberno local considera positivo o novo avance para lograr a circunvalación de Ponteareas

Permitirá analizar as alternativas viables e con menor impacto ambiental

O goberno ponteareán vén de valorar positivamente o anuncio do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o inicio dos traballos de redacción do anteproxecto da circunvalación ou variante de Ponteareas.

 

“É un avance positivo, un novo paso para concretar o anuncio realizado polo Ministerio no 2019, cando se comprometeu a levar a cabo esta actuación como resultado de diversas solicitudes e encontros mantidos co goberno local”, sinalan.

 

Dende o goberno ponteareán apuntan que manterán unha actitude atenta e de máxima colaboración “para que se continúe avanzando ata lograr por fin solucionar un problema histórico creado no 1996 coa apertura da autovía sen conexión co núcleo urbano e a N-120 e que a día de hoxe sigue supondo graves prexuízos para Ponteareas”.

 

Por último, o goberno considera positivo “que se estuden as diferentes alternativas de trazado e se avalíe o seu impacto ambiental para que se implante aquela cunha maior viabilidade e cun menor impacto para unha zona sensible como o río Uma”.