O goberno local atende as queixas veciñais e limita o horario dun concerto no Paseo Matutino

Máis dun cento de veciños e veciñas do primeiro tramo da rúa respaldan a decisión do concelleiro Roberto Mera fronte á oposición de varios hostaleiros

Logo de anunciar a posta en marcha dun Plan de Convivencia e Civismo en Ponteareas, o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, adoptou unha primeira medida dirixida a conciliar o dereito ao ocio e o dereito ao descanso da veciñanza.

O pasado 2 de xullo a Federación de Comercio e Hostelaría “Banastra” solicitou no Concello autorización para celebrar unha “Festa Ibizenca” o sábado 27 de xullo, con comezo ás oito da tarde e que concluiría cun concerto dun DJ na rúa Paseo Matutino entre as doce media da noite e as dúas da madrugada.

Á vista da solicitude, Roberto Mera mantivo varios encontros cos organizadores para transmitirlles a necesidade de limitar o evento a un horario máis razonábel que fora respectuoso co dereito ao descanso da veciñanza “dunha rúa que xa soporta de por si unha elevada contaminación acústica por tráfico, locais de ocio e persoas na rúa”.

Mera explica que “como medida provisional, decidimos que todas as solicitudes de concertos presentadas con posterioridade ao 1 de xullo terán como horario límite, durante o verán, as doce e media en sábados e as once e media no resto dos días, coa única excepción das festas patronais, como sempre aconteceu”. A medida é provisional á espera de ver o resultado do proceso de participación veciñal que se porá en marcha para aprobar o Plan de Convivencia e Civismo e do que sairá unha normativa municipal definitiva que regule os horarios.

Pola súa parte, a veciñanza da rúa tivo coñecemento das pretensións dos organizadores pois estes anunciaron o evento cun horario até as dúas da madrugada sen agardar a resposta municipal. Un grupo de residentes no primeiro tramo do Paseo Matutino mantivo unha reunión con Mera, quen lles trasladou a decisión do goberno local de limitar o horario previsto polos organizadores, decisión que foi ben valorada até o punto de que nesta semana se presentaron máis de cen sinaturas de veciños e veciñas respaldando a decisión municipal.

Mera agradeceu a “comprensión dos organizadores que finalmente modificaron a súa solicitude, refacendo o programa até as doce e media”. O edil nacionalista recoñeceu ser conscente “do malestar dalgúns hosteleiros” aos que lles pedíu “empatía cos seus veciños” e un esforzo por facer compatíbel “o ocio, os seus negocios e os dereitos dos que non participan deses eventos e queren respecto para o seu dereito ao descanso”.

Roberto Mera sinalou que “desde o goberno seguiremos apoiando á hostelaría, as súas iniciativas e actividades, pero velando pola convivencia e os dereitos de todos os cidadáns”.