O goberno local atende as peticións veciñais e realizará un estudo técnico para que a Xunta execute correctamente as obras

O Alcalde e a Tenente de Alcalde de Ponteareas reuníronse cos veciños de Bugarín para a analizar a intención da Xunta de Galicia de modificar o pintado da estrada PO-254 (Ponteareas-Mondariz) ao seu paso pola parroquia ponteareán.

A pretensión da Xunta é habilitar espazos que faciliten o acceso aos barrios existentes a carón da estrada. Sen embargo, os veciños amosaron a súa alarma ao comprobar que a actuación consiste nun simple pintado dun novo carril central de tres metros, sen ampliar a calzada. Desta maneira a Xunta pretende habilitar tres carrís na plataforma a costa do arcén que se reduce á mínima expresión. 

O goberno local comparte a preocupación veciñal pois a previsión da Xunta “implica un notábel risco para a seguridade viaria tanto de peóns, ciclistas como vehículos”.

O Alcalde amosouse favorable a habilitar accesos seguros aos barrios “e así o viñemos xestionando coa Xunta”, pero, engade, “o que non podemos admitir é que se faga a costa de eliminar os arcéns, cun simple pintado e sen proxecto nin obra”. Por iso, explica o rexedor local, “comprometémonos cos veciños a realizar de inmediato un estudo técnico que entregaremos á Xunta para que a actuación non se limite ao repintado senón que conleve ampliar a calzada a tres carrís cos seus arcéns”.

A Tenente de Alcalde Chus Garrote achacou a situación a “unha falta de planificación e rigor técnico da Xunta” e adiantou que se pedíu á administración autonómica a paralización inmediata da actuación.