O Goberno local aproba todas as súas propostas no pleno de outubro

Sacou adiante dúas modificacións orzamentarias e as propostas de adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ou a creación do Arquivo Histórico de Imaxes de Ponteareas, entre outras.

A sesión ordinaria do mes de outubro do Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas tivo lugar onte martes día 18.  Comezou coa proposta do concelleiro de Facenda de modificación orzamentaria destinadas ao recoñecemento extraxudicial de crédito, que foi aprobada cos votos do Goberno local, EU e PP

A continuación, o Goberno local cos seus votos e o apoio do edil de EU-Son, Lino Costas, aprobaron a proposta da adhesión do Concello de Ponteareas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, contando coa abstención do PP e ACiP. O Arquivo Histórico de Imaxes de Ponteareas será unha realidade tras o voto favorable unánime de todas as forzas políticas con representación de Ponteareas.

IMG_0948

O Goberno local e EU-Son, outra vez, aprobaron a proposta de instar á Xunta de Galicia para que asuma a xestión e o financiamento do Conservatorio de Música municipal e acordouse trasladar a proposta aos Concellos Galegos con Conservatorios Profesionais de Música, así como a FEGAMP, ás Deputacións e á Asociación Galega de Conservatorios, para coordinar en conxunto as xestións necesarias ante á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Pleno acadou a unanimidade para as propostas do Goberno municipal para solicitar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ampliación da oferta educativa en bacharelato, ciclos formativos e bacharelato para adultos en Ponteareas, así como para instala á revisión e dotación suficiente de persoal non docente aos centros públicos de ensino secundario da vila.

A proposta para instar ao Ministerio de Fomento a cumprir o protocolo asinado coa Deputación de Pontevedra para a posta en valor de dezaoito castros na provincia, entre os que se topa o Castro de Troña, foi aprobada cos votos a favor do Goberno e EU-Son e abstención do PP e ACiP.

De seguido, tratouse a moción de EU-Son sobre a lei de Protección da Seguridade Cidadá, máis coñecida como lei Mordaza, que foi aprobada co apoio do Goberno local, na que se esixe ao Goberno de España a retirada inmediata da devandita lei, así como dar traslado do acordo ao Goberno central e a todos os grupos parlamentarios do Congreso de Deputados. Por último, tratouse a proposta de EU-Son de modificación da Ordenanza reguladora de axudas de emerxencia social. Todos os grupos aceptaron a proposta de engadido do PP para crear un novo tipo de axuda para gastos de comunidade, limpeza de escaleiras e outros gastos relativos a bens comúns en vivendas habituais.