O Goberno local aproba a convocatoria de subvencións para fomentar o emprego en Ponteareas

O importe total da partida ascende a 50.000 euros, dos que 4.900 euros completan as axudas creadas no 2015 e 45.100 euros para as axudas deste ano 2016.

As axudas económicas van destinadas a facilitar, incentivar e apoiar a xeración de emprego estable mediante a concesión de subvencións que promoven o desenvolvemento da actividade económica e empresarial no termo municipal

As axudas concederanse ás empresas ou autónomos que contraten traballadores desempregados que leven empadroados en Ponteareas polo menos un ano. A contía da subvención oscilará entre os 200 e os 1.000 euros, en función da estabilidade do contrato. Se este é indefinido a axuda será de 1.000 euros coa obriga do empresario de manter ao traballador contratado por un período mínimo 2 anos. Con 500 euros apoiarase o contrato de 1 ano de duración e con 300 euros outros contratos temporais. Por último os contratos en prácticas cunha duración mínima de seis meses recibirán 200 euros. Contemplarase no caso de transformar un contrato temporal a indefinido un máximo de 1.000 euros.

Autoemprego

Estas bases tamén contemplan a posta en marcha de axudas ao autoemprego para as persoas desempregadas que poñan en marcha actividades e se dean de alta como autónomos creando así o seu propio emprego. Poderán acceder a unha subvención de até 1.000 euros, coa obriga de manter a súa actividade ao longo dun ano.

As subvencións serán concedidas por rigoroso orde de solicitude até o esgotamento da partida orzamentaria. O prazo para a presentación de solicitudes comezará nos vindeiros días trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.