O goberno insta á Xunta a romper o silencio en temas de Ensino

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, solicitan unha reunión inmediata co Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Dna. Carmen Pomar,  para tratar algunhas cuestións urxentes dos centros educativos de Ponteareas pendentes de solución dende hai tempo e instan tamén á Xunta de Galicia a romper o silencio e comunicar oficialmente o futuro da escola de San Mateo

Cristina Fernández explica que nos últimos anos foron solicitadas reiteradamente reunións coa xefatura territorial, subdirección xeral de FP, subdirección e dirección xeral de centros, “algunhas delas chegaron a celebrarse pero noutros casos a contestación foi que non era preciso manter ningunha reunión con representantes do concello de Ponteareas”. Este silencio e retraso na axenda de reunións provoca unha parálise en obras e decisións de importancia para a calidade educativa en Ponteareas.

Logo de todo este tempo sen tratarse estes asuntos, algúns xa pasaron a ser graves e deben solventarse o antes posible como a permanencia da escola de San Mateo, a realización de obras de competencia da Consellería ou a adquisición dos terreos anexo ao CEIP Felician Barrera de Guláns para dispor dun ximnasio. O goberno de Ponteareas xa fixo as primeiras xestións para dispor do terreo e agora queda pendente o compromiso da Consellería.

“Esta mesma mañá as nais e pais de San Mateo apoiados pola FANPO reivindicaron diante da sede do PP de Ponteareas a necesidade dunha solución e o seu malestar pola indefensión imposta pola Xunta de Galicia. Ignorar non solventa os problemas”.

A estas cuestións de urxencia súmanse as distintas autorizacións que debe dar a Consellería para a realización de obras programadas polo Concello nos centros escolares.

Pendente de solventar tamén está a situación do conservatorio municipal, asumida actualmente polo Concello pero pendente de transferir a competencia á Xunta de Galicia.

A concelleira de Ensino de Ponteareas tamén quere estudar co conselleiro a implantación do bacharelato de Artes e novos ciclos formativos demandados pola mocidade. 

“Moitas destas cuestións son reclamacións que xa fixo a comunidade educativa a través da federación de ANPAS na última décadas e que siguen estando vixentes e sen resolver”.

Dende a concellería de Ensino estanse a realizar importantes esforzos para ofrecer unha educación pública de calidade apostando pola oferta continuada de formación para toda a comunidade educativa, servizos de apoio para conciliar a vida laboral e familiar e inversións elevadas que son competencia da Consellería e que asume o concello. Proba do empeño posto en ofrecer un servizo de calidade á comunidade educativa é o ratio de coidadores no comedor escola do Fermín Bouza Brey no que a concellería decidíu ir máis aló do esixido pola lei, “a normativa esixe un coidador de comedor por cada trinta alumnos e en Ponteareas melloramos a atención contratando  monitores de lecer e tempo libre con maior formación e cunha ratio de 1 monitor por cada 12 alumnos en infantil, e 1 monitor por cada 15 alumnos en primaria”. 

“O goberno de Ponteareas está sempre aberto á colaboración polo que nós pomos a disposición doutras administracións para traballar de xeito conxunto na mellora do futuro da nosa cidade. Pensamos que a colaboración e entendemento entre as distintas administracións públicas é imprescindible tanto para mellorar as instalacións nos centros educativos com para acadar o nivel de calidade educativa precisa para o alumnado”, engade o Alcalde.

Fernández agarda que na maior brevidade posible se concrete unha data para esta reunión.