O goberno do BNG-PSOE de Ponteareas aproba o orzamento de 2021


O BOP publica o orzamento municipal de 2021 que supera os 18 millóns de euros

O Pleno, en base ao informe de intervención, rexeitou as alegacións presentadas

Ademais de contemplar partidas para atender as necesidades básicas e as obrigas municipais, conta con partidas por máis dun millón de euros que de entrada non están comprometidas e que poderán utilizarse en función das necesidades e da evolución da crise da Covid

O concello de Ponteareas, no Pleno ordinario do mes de decembro celebrado o martes 29, vén de aprobar coa ampla maioría que conforma o goberno municipal de BNG-PSOE, 12 de 21 concelleiros, o orzamento para o exercicio 2021, despois de rexeitar as alegacións presentadas en base ao informe de intervención. Os partidos da oposición, PP e ACIP, cun total de 9 concelleiras/os votaron en contra.

O goberno do BNG e do PSOE aprobou así o orzamento do Concello para 2021, publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia, que suma un total de 18,3 millóns de euros. Un orzamento municipal no que destacan as partidas destinadas a políticas sociais, con máis de 3 millóns de euros, os investimentos destinados a infraestruturas básicas como o saneamento e as actuacións de mellora da eficiencia enexética nos edificios públicos que suman case 4 millóns de euros.

Son uns orzamentos “equilibrados” para atender as necesidades cambiantes que pode provocar a crise da Covid-19 e que permitirán atender “con solvencia” todos os servizos básicos e acometer novos investimentos pero sen pór en risco a situación económica do Concello. O orzamento para 2021 conta cun informe de intervención que reflexa que a proposta de orzamento conta cun “aforro neto” de 1.565.962,86 euros e salienta o

criterio de prudencia utilizado á hora de calcular os ingresos, sendo coincidente coa formulación requerida pola Intervención Xeral do Estado de estimar os ingresos en termos de recadación.

O importe da débeda destinada en exclusiva a investimentos está moi por debaixo do límite legal, tendo o Concello marxe de endebedamento de varios millóns de euros, se no futuro fose preciso para novos investimentos ou para necesidades puntuais de adiantar investimentos mentres non se reciben fondos doutras administracións, principalmente de fondos europeos. “Unha situación que non se deu noutras épocas e que é o resultado da xestión económica realizada nos últimos cinco anos” afirmou o alcalde, Xosé Represas.

Chus Garrote salientou as axudas e subvencións para os colectivos máis desfavorecidos, a partida destinada duplícase con respecto a 2019, último exercicio anterior ao COVID, pasando dos 117.000 euros destinados á axudas de emerxencia social ao 234.000 que figuran nas previsións do capítulo 4 de subvencións en benestar social para o 2021.

O alcalde tamén se referíu ás áreas de Benestar Social que se incrementaron en 1,3 millóns de euros en 5 anos, pasaron de 1.990.000 euros en 2015 aos 3.310.953,14 € na previsión para 2021, “un 66% máis que en 2015, un exemplo claro da aposta deste goberno polas políticas de benestar, destinando os recursos necesarios para quén máis o necesita”.

Dende o goberno municipal defenderon a xestión económica realizada nos últimos cinco anos que marca un antes e un despois na economía municipal, representando estes anos os mellores da historia económica do Concello. “Cúmprese co obxetivo de débeda e de estabilidade, así como a regra de gasto sen comprometer a sostenibilidade financeira”.

O alcalde Xosé Represas lembroulle ao Partido Popular que “tan só seis anos antes, no ano 2014, o remanente de tesourería arroxaba a cifra de máis de cinco millóns de euros negativos”.

 

“O Concello logrou sentar as bases da recuperación económica para moitos anos. Falamos dun cambio económico no que pasamos da ruína e a quebra do Concello na que o Partido Popular deixou o Concello en 2015 á estabilidade, recuperación e investimento”. Ponteareas é agora o Concello de Galicia, que en proporción ao orzamento e ao número de habitantes, realiza un maior investimento público. Así o recolle no seu informe a federación da construcción.

O alcalde indicou que “por desgraza” aínda hoxe nos vemos obrigados a pagar os “despilfarros” de anteriores gobernos do PP. Así recentemente, o Concello destinou máis de 27.000 euros a pagar unha condena xudicial por intereses de demora dunha obra de 2006 que o goberno do PP non pagou. Un caso que non é único pois, con anterioridade, desta mesma obra xa se pagaran máis intereses de demora.

O Pleno rexeitou as dúas alegacións presentadas, tomando como base o informe de intervención que conclúe que non procede estimar as alegacións, posto que non están baseadas en ningunha das causas previstas legalmente, o informe tamén indica que a documentación do expediente do orzamento municipal para o ano 2021 estaba completa e contaba cos informes precisos para a súa aprobación e que, en todo o momento, se cumpriron os trámites esixidos pola lexislación aplicable e conta cos informes necesarios para a súa aprobación. En canto ás dotacións orzamentarias, considera que son suficientes para dar correcto cumprimento a todas as obrigas esixíbeis e compromisos contractuais en vigor.

Por último, Represas indicou que Ponteareas está ao día de todas as obrigas legais con entidades supramunicipais encargadas do control das contas do Concello, demostrando así “a absoluta transparencia da xestión económica da economía local”.