O Goberno deslexitima ao PP para falar da situación económica do Concello

As criticas do PP só demostran o descontrol da súa xestión e o nervios ante o primeiro orzamento municipal aprobado tras seis anos de prórrogas

O concelleiro de Facenda do goberno municipal de Ponteareas, Francisco F. Alonso, entende que o PP non está en condicións de dar leccións sobre a xestión económica do Concello. “Quen non foi capaz de aprobar ningún orzamento dende 2010 e levounos ao borde do precipicio económico está deslexitimado para esixir ou criticar a xestión destes once meses”, manifestou Alonso con relación as críticas do PP sobre os orzamentos recentemente aprobados.

Alonso explica a situación de descrédito na que quedou en evidencia o anterior goberno do PP de Solla e Villar, “se Ponteareas non tivo orzamento dende 2010 foi unicamente pola incompetencia do PP e Belén Villar. Non hai ningunha lei que o impedira”, afirmou Alonso. “Ao contrario, o artigo 164 da Lei reguladora de facendas locais é ben claro: as entidades locais elaborarán e aprobarán anualmente o orzamento municipal”, engade.

Acusou ao PP de “non pensar nos cidadáns senón no seu propio interese político. O PP non disimula que o que desexa por interese partidista é que Ponteareas non teña orzamentos e por iso anuncia recursos para retrasalos”.

As circunstancias económicas obrigaron á aprobación doutra normativa que esixe un plan de saneamento “tarde, mal e arrastro”. Non obstante, non quere dicir que se se fai o plan de saneamento desapareza a obriga de facer os presupostos. “O propio plan, aprobado polo PP, tiña entre as súas obrigas básicas a realización de orzamentos”, sinal o edil. Iso é “irresponsabilidade política, e estar durante cinco anos sen orzamento só tivo a pretensión de seguir dilapidando os recursos do Concello pola falta de control e rigor. O PP e a Sra. Villar non teñen lexitimidade ningunha para falar da situación económica do Concello, o que terían é que pedirlle perdón aos veciños e marchar para a casa, pois como se entende, cómo é posible que o que eles non conseguiron facer en anos se fixera agora en só 11 meses?”.

O concelleiro de Facenda tamén aclarou que as afirmacións sobre o gasto no cadro de persoal son falsas. “Confirman o descontrol e o descoñecemento do anterior goberno local sobre a situación económica”, indicou Alonso.