O Goberno de Ponteareas segue a reparar a desfeita na rede de saneamento

A avaría na rede de saneamento na subida ao Centro de Saúde quedou solucionada

O Goberno de Ponteareas vén de solucionar o arranxo doutra das avarías na rede de saneamento municipal. Neste caso, o problema estaba situado na subida ao Centro de Saúde, a carón das instalacións deportivas, que provocaba filtracións de augas fecais na vía pública.

IMG_4553 (1)

Os técnicos municipais verificaron que a tubaxe existente, de 160mm. de diámetro, era insuficiente para evacuar os caudais requiridos, realizada ademais cun material non apto para o saneamento, polo que se produciron ocos por desgaste. Así mesmo, a arqueta non chegaba á cota do pavimento da beirarrúa,  é dicir, que cando se construíu, non se tivo a precaución de levantar a arqueta para deixala visible, co que ficou soterrada.

“Estas obras non habería que facelas agora se houbera unha planificación previa na rede de saneamento e un control na execución das obras. Os anteriores gobernos do PP en Ponteareas deixaron unha auténtica desfeita, nun tema tan importante como a xestión das augas residuais”, sinala o alcalde Xosé Represas.

Neste caso os traballos consistiron na rotura do pavimento da beirarrúa na zona da rotura, a substitución da tubaxe en mal estado por unha de saneamento de diámetro de 250 mm do tipo SN4, adecuada para este tipo de usos, a reconstrución dunha nova arqueta, a reparación de novo da zona da obra e a reposición da beirarrúa existente.