O goberno de Ponteareas insta á Xunta a elaborar un Plan Específico de Educación para o Medio Rural

O goberno de Ponteareas instará á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a permanencia da Unitaria de San Mateo de Oliveira (CRA A Picaraña) e da aula de tres anos de infantil no CEIP de Santiago de Oliveira en Ponteareas.

A concelleira Cristina Fernández solicitará no vindeiro pleno o apoio da corporación para instar á Xunta de Galicia a elaboración e aplicación dun Plan Específico de Educación para o Medio Rural coa finalidade de dar solucións contextualizadas aos graves problemas que lle afectan.

Fernández explica que a inspección educativa comunicou verbalmente ao CRA a decisión da Consellería de pechar para o vindeiro curso 2018/2019 da aula unitaria de San Mateo de Oliveira por unha baixada de alumnado neta aula e, por outra parte, a previsión da eliminación dunha aula de infantil no CEIP de Santiago de Oliveira polo mesmo motivo dos criterios numéricos usados pola Consellería.

San Mateo de Oliveira é unha das 24 parroquias cunha poboación de 580 habitantes e cunha poboación infantil menor de 6 anos de 18 nenos e nenas.

As nais e pais desta escola enviaron un escrito no mes de maio co apoio das asociacións de San Mateo de Oliveira, de veciños, cultural, ANPA e Fundación Zúñiga, donde se xustifica a necesidade de que se mantivera aberta xa que nos vindeiros cursos escolares se van incorporar cando menos nove nenas e nenos.

“Tras porse en contacto coas familias de San Mateo detectamos que existen nenos e nenas suficientes para que unha vez pasado este novo curso haia matrículas como para manter a escola aberta. Solo sería este curso escolar no que baixa a matrícula”.

No caso do CEIP de Santiago de Oliveira prodúcese o peche dunha aula de infantil xuntando nunha única unidade ao alumnado de 3 e 4 anos, facendo que o centro escolar se vexa reducido de profesorado e recursos tendo en conta que dende a Consellería de Educación a través da súa xefatura territorial estase tamén perxudicando ao Colexio ao non poñer os medios para poder contar cun ximansio do que se carece polo tanto de instalacións que se podan utilizar como comedor escolar.

A concelleira engade que “este mesmo centro necesitaría dispor de ampliación de paradasde autobús escolar facilitando así o acceso a alumnado do centro da vila que prefire matricularse nun Colexio de carácter rural e que cada curso vai en aumento”.

Cristina Fernández insta á Xunta de Galicia a adopción dunha moratoria no peche de escolas ou supresión de unidades que atinxen ao rural en tanto non entre en vigor o plan solicitado no punto anterior.

“No caso de rural é preciso adoptar medidas específicas consensuadas coas comunidades educativas na procura de novos modelos do servizo de educación pública no rural que se axuste ás súas necesidades e que eviten a despoboación no rural”.

Este acordo a prol da educación no rural galego remitirase á Confederación ANPAS GALEGAS e á Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural.