O Goberno de Ponteareas estudia rebaixar o impostos de construcións nun 80%

Tamén revisará o de vehículos

Estes impostos, que foron subidos polo PP en 2013, é un compromiso do acordo de goberno que se poderá concretar coa mellora da situación económica do Concello

O goberno local de Ponteareas estudia rebaixar o imposto de construcións e obras, ICIO, nun 80%, para deixalo nun 2,4%, porcentaxe que se aplicaba ata 2013, ano no que o PP incrementou este imposto que grava ás licencias de todo tipo de obras, tanto de obra nova como de reformas.

Esta rebaixa é un dos compromisos do acordo de goberno de BNG, PSOE e ARDT, medida que agardan concretar para aplicar a partir de xaneiro de 2017 coa mellora da situación económica do Concello, como consecuencia de rematar co embargo do Estado para o pago das débedas acumuladas polo goberno anterior e polo control do gasto no último ano.

A rebaixa precisa dos informes económicos necesarios e que non afecte ao equilibrio  contable, situación que terá en conta o cumprimento da sentenza sobre a débeda coa empresa eléctrica Sestelo que suma mais de 1,3 millóns de euros e sempre que non aparezan outras condenas por débedas atrasadas.

O goberno liderado por Represas tamén revisará o de vehículos, IVTM, outros dos que subira o anterior goberno do PP con apoio de ACIP. A previsión é deixalo tamén nos prezos anteriores a suba de 2013, agás o incremento do IPC destes anos. Neste apartado tamén valoran bonificacións para os vehículos históricos.

Con estas medidas, o goberno de Ponteareas pretende axudar a reactivar a actividade económica, sobre todo no sector da construción pola rebaixa do ICIO.

Estas medidas sumaríanse á da rebaixa no IBI, contribución, aprobada en Pleno a proposta do goberno, e que xa foi aceptada polo Catastro,  cunha reducción do 10% nos valores catastrais para 2017.