O goberno de Ponteareas confirma a actuación de SÉS nas Festas de Setembro

O goberno local de Ponteareas, a través da concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, vén de anunciar o concerto de Sés para o sábado 8 de setembro, no marco da programación das Festas de Setembro.

Considerada o fenómeno da música galega nos últimos anos, a artista ofrecerá este gran concerto acompañada da súa banda ás 23 horas nun amplo escenario situado diante do Concello. A cantautora María Xosé Silvar -Sés-, que ofrece unha variedade de estilos que pasan polo rock, o blues ou ritmos latinoamericanos, encherá de enerxía ao público ponteareán coa súa potente voz e intensa personalidade.

Sés chegará á vila do Tea en plena xira do seu quinto CD, “Redmirando a condición”, producido e arranxado por ela mesma, co que está percorrendo múltiples salas e festivais de Galicia e o resto da península cun gran éxito de público.

O concerto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal, posto en marcha dende a área de Cultura da institución provincial. 

A concelleira de Cultura do Concello de Ponteareas, Hortensia Bautista, anima a veciñanza a asistir a este concerto asegurando que “para quen non coñeza a Sés será unha ocasión perfecta de descubrir un verdadeiro talento da música no noso país”. Así mesmo, a edil indica que se dará a coñecer nos vindeiros días a programación completa das Festas de Setembro, “que seguirán na liña marcada polo goberno local de elaborar programacións culturais amplas, con actividades variadas e de calidade para todos os públicos”.