O Goberno de Ponteareas aproba todas as súas propostas no pleno de xullo

Sacaron adiante cos seus votos o convenio urbanístico coa Comunidade de Montes Veciñais de Xinzo, ademais das modificación das ordenanzas reguladoras das taxas da Escola de Música e da Escola Infantil, entre outras medidas.

O pleno da Corporación Municipal en sesión ordinaria do 19 de xullo comezou a partir das 20.00 horas con alta asistencia de veciñas e veciños. O primeiro punto de importancia a tratar foi a aprobación do convenio urbanístico coa Comunidade de Montes Veciñais de Xinzo. Foi sacada adiante cos votos favorables do Goberno. Este acordo permitirá ao Concello mellorar os terreos propiedade da Comunidade de Montes Veciñais para uso público.

Os votos a favor do Goberno tamén serviron para aprobar a modificación das ordenanzas reguladoras da taxa para a prestación do servizo da Escola de Música municipal “Vila do Corpus” e do prezo público da taxa da Escola Infantil municipal, esta última para adecuala á normativa das escolas da Xunta de Galicia. EU-Son abstívose e o PP e ACiP votaron en contra.

Nese momento, os grupos municipais do Partido Popular e ACiP decidiron abandonar temporalmente o salón de plenos en desacordo coa decisión do alcalde, Xosé Represas, de tratar como primeira moción a iniciativa do PP, programada posteriormente, sobre á peonalización da Praza Maior e as rúas da Esperanza e Oriente, despois das propostas do goberno tal como figuraban na orden do dia.

O pleno continuou e o Goberno local levou adiante cos seus votos a desestimación da única alegación presentada por un particular á ordenanza reguladora das Axudas de Emerxencia Social e inmediata aprobación definitiva, así coma a aprobación inicial do regulamento de Vivendas de Emerxencia Social e o regulamento de Protocolo, Cerimonial, Honras e Distincións do Concello de Ponteareas.

Finalmente, o PP e ACiP volveron á sala ao cabo de media hora, cando a moción do PP sobre a constitución da Comisión de Estudo e Traballo da peanolización da Praza Maior e as rúas adxacentes. O Goberno local presentou unha proposta propia en forma de enmenda de substitución que foi aprobada cos seus votos e máis o apoio do edil de EU-Son, Lino Costas. O alcalde, Xosé Represas, permitiu a un representante dos comerciantes, hostaleiros e veciños da zona da Praza Maior e o seu entorno, que se opoñen á peonalización falar sobre o tema. “O acceso á Praza Maior está garantido para todos os residentes, comerciantes e demais usuarios. O que se levou a cabo foi unha regulación do tráfico. A peonalizacion non impide o acceso á Praza nin supon o peche da mesma”, asegurou a concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Vanesa Fernández. Para a próxima constitución da Comisión, os comerciantes, hostaleiros e veciños das zonas afectadas deberán escoller os seus representantes.