O goberno de Ponteareas apoia as reivindicacións da ANPA do CEIP Santiago de Oliveira

A concellería de Ensino do Concello de Ponteareas manifesta o seu apoio á concentración convocada pola ANPA do CEIP Santiago de Oliveira para mañá venres ás 20 horas diante do concello. Cristina Fernández, concelleira de Ensino, explica que as reclamacións das nais e pais van na mesma liña do que leva reinvidicado este goberno nos últimos tres anos da Consellería de Educación da Xunta.

O propio Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, lembroulle á nova Conselleira a necesidade de concretar de inmediato os proxectos pendentes neste centro educativo como o ximnasio, o comedor escolar ou a ampliación da ruta de autobus escolar con paradas no centro da vila. 

A concellería de Ensino xa ten comprometida a partida económica de 22.792,31€ para a pista de patinaxe enmarcada dentro da I Bienal de Arquitectura Xuvenil (Ludantia) na que participou o concello. Concretamente o proxecto “O patio que queremos” presentado polo alumnado do CEIP de Santiago de Oliveira obtivo unha mención especial. 

Nestes intres, acaba de recibir a autorización da Consellería de Educación para executar as obras da pista de patinaxe que tamén están ratificadas polo Consello Escolar  do centro. Agora iniciarase o proxecto de contratación para que a obra estea o antes posible.

Ademais de ter trasladado estes asuntos á Consellería e a delegación territorial, o goberno de Ponteareas tamén lle ten informado da necesidade dun ximnasio en Guláns, da necesidade da mellora enerxética do edificio de primaria do Fermín Bouza Brey, cuberta dos patios de infantil no Ramiro Sabell, cuberta do parque infantil no Nosa Señora dos Remedios para mellorar a temperatura do aulario infantil e da necesidade de apoio económico para obras urxentes nos catro institutos e outras demandas importantes como son a solicitude do bacharelato de artes e novos ciclos formativos para o alumnado non só de Ponteareas se non das comarcas de Condado, A Paradanta e Louriña.

Cristina Fernández explica que dende a súa concellería ten investido en distintas obras de mantemento dos centros educativos e insiste no compromiso firme que este goberno ten co Ensino ofrecendo durante toda a tempada lectiva cursos de formación e información para toda a comunidade educativa, iniciativas como a Semana das Ciencias ou a Feira das Ensinanzas Profesionais que proxectan o traballo dos centros ponteareáns, aumento dos servizos complementarios dos centros educativos como os comedores escolares ou os campus que axudan na conciliación laboral e familiar e axudas consolidadas para adquisición de material  escolar e libros, entre outras iniciativas.