O goberno convoca á veciñanza para tratar da Praza Bugallal

O goberno local reunirase coa veciñanza, residentes, comerciantes, hostaleiros, taxistas e todas as persoas vinculadas á praza Bugallal mañá xoves día 21 ás 20:30 horas para trasladar o detalle das obras de mellora deste espazo.

No salón de plenos o goberno de Ponteareas fará un novo exercizo de participación e transparencia informando ás persoas da praza Bugallal das actuacións de mellora que comezarán en breve.

A intención do goberno, que estará acompañado dos urbanistas gañadores do concurso de ideas e responsables da execución do proxecto, é facilitar unha información veraz para un axeitado coñecemento da obra. Ao remate da exposición, os e as participantes poderán trasladar o seu parecer ao equipo de goberno.

Técnicos e membros do goberno adiantarán o proxecto que contempla a mellora da accesibilidade cunha plataforma única que evita escalóns e desniveis, a mellora do pavimento integrado co entorno que garante a seguridade dos peóns, o aumento das áreas verdes e zonas de sombra, a creación de espazos de encontro con bancos e xardineiras… A praza Bugallal potenciará os usos habituais (comerciais, culturais, festivos…) e estará aberta ao tráfico.

A reforma da praza Bugallal, enmarcada dentro da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada con fondos europeos, era unha necesidade que xa recolleu o estudo de mobilidade e que contou co respaldo unánime da corporación en canto a súa prioridade.

A mellora e modernización desta praza xa leva anos sendo noticia, ao ser iniciada no periodo 2006-2009 polos gobernos de PP-ACIP, a tramitación de mellora da praza incluíndo a construción dun aparcamento soterrado de tres andares e de xestión privada, que non tivo boa acollida quedando o concurso deserto ao non resultar atractivo para as constructoras que o viron inviable. Cun coste de case 5.000.000€, de xestión privada, e cun coste por praza creada de 18.000€ o proxecto quedou no caixón descartado pola imposibilidade do plantexamento inicial.

No 2015 o anterior goberno proxectou a reforma da praza pero xa sen aparcamento soterrado.

O estudo de mobilidade, aprobado en pleno no 2017, xa non contempla este aparcamento e propón mellorar e ampliar a zona azul de 90 minutos de duración e gratuíta, para garantir a rotación do estacionamento favorecendo a actividade comercial. Ao mesmo tempo, o estudo suxire crear zonas de aparcamento tamén gratuítas nos arredores do centro para quen precise deixar o vehículo durante varias horas.

Con estas pautas marcadas, o goberno colle o testemuño e, en coherencia co estudo de mobilidade, adxudica os novos parquímetros da zona azul por un total de 25.395,48€ que estarán operativos nas vindeiras semanas para asegurar a rotación; amplía as prazas de aparcamento en Santa Ana, crea un novo aparcamento na Avda. Castelao e está en xestións para a apertura dun novo aparcamento na Avda de Galicia (Granitos) de máis de cen prazas, entre outras xestións das que irán informando.

O goberno de Ponteareas traslada á veciñanza que no último trimestre do ano, e,antes de iniciar calquera obra na praza Bugallal, avaliará cos representantes das asociacións de comerciantes e hostalería a súa efectividade.