O goberno consultará coa veciñanza o deseño da rúa Mimosas

Convocada unha reunión coa veciñanza este mércores 27 ás 20:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal

O Concello de Ponteareas pon en marcha o proceso de participación para o deseño da rúa Mimosas e convoca á veciñanza e comerciantes da zona a unha reunión este mércores día 27 ás 20:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo. No encontro participarán o Alcalde Xosé Represas, o concelleiro de Mobilidade e Participación Cidadá, Roberto Mera e a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote.

Con esta reunión o goberno local quere escoitar a opinión veciñal sobre as problemáticas actuais da rúa e as ideas de futuro. A información recollida nesta reunión será tida en conta no futuro para os proxectos técnicos de mellora que se someterá igualmente a consulta pública para que a transformación futura da rúa sexa o resultado do máximo consenso cidadá.

Esta rúa foi deseñada no seu día dacordo cun modelo de vila de costas ao río Tea e a súa contorna, no que imperaba o aproveitamento máximo dos solares para obter un alto beneficio urbanístico, a creación de rúas estreitas, con beirarrúas deficientes e con arborado inapropiado e a carón dos edificios.

O goberno local quere revertir esta situación e reconducir o estado da vila transformando o centro urbano nun lugar habitabel e para que a transformación sexa eficaz e exitosa é preciso contar coa veciñanza que é a que coñece a realidade diaria das rúas.

O concello realizou estes días obras de mellora da beirarrúa afectada polas raíces do arborado e a retirada destas árbores. para solucionar os problemas de seguridade e mobilidade que conlevaba o deterioro desas beirarrúas. A intención do goberno é repoñer en breve o arborado con novas especies e máis afastadas das edificacións.