O goberno consulta cos residentes, comerciantes e hostaleiros a data de comezo das obras do Paseo Matutino

Co obxectivo de axeitarse ás necesidades da veciñanza e ter en conta a súa opinión, o goberno de Ponteareas mantivo unha reunión cos residentes, representantes de comunidades de propietarios, comerciantes e hostaleiros do Paseo Matutino para fixar unha data de realización das obras de reforma da rúa que ocasione as menores molestias posibles.

Conscientes da proximidade das datas da celebración do Corpus e sen poder acurtar os tempos que marcaron as xestións administrativas o goberno municipal convocou aos afectados e afectadas para consultar a data na que se desenvolverán as obras. 

Acompañados do arquitecto responsable da obra e da empresa concesionaria, Narom,  e despois de escoitar as opinións de veciños e técnicos o periodo que acadou maior consenso foi o tramo do 6 de xuño ao 24 de xullo que tal e como indicou o arquitecto director da obra é o período con menor tránsito escolar.

Abertos a novas propostas que acaden o máximo consenso veciñal e comercial e  que sexan viables, o goberno estudará como outra opción que se realicen despois das festas dos Remedios, a partir do 10 de setembro; evitando deste xeito ocupar algunhas semanas do verán que son as semanas de maior negocio para a hostelaría.  

Dispostos a consensuar o arranque das obras, nestes días escoitarán as suxerencias de residentes, comerciantes e hostaleiros para atopar a data máis axeitada tendo en conta os fluxos de traballo dos negocios da zona, a climatoloxía, o calendario escolar e as diferentes variantes para atopar de xeito conxunto unha data.

A concelleira de Comercio, Hostalería e Consumo, a socialista Inés Vidal, agradece a colaboración de todos os implicados e adianta que estudará todas as propostas para seleccionar o período no que menos molestias se produzan.