O Goberno buscará conciliar os intereses de comerciantes e veciños en xeral no uso da Praza Maior e das rúas Esperanza e Oriente

“Temos a obriga de garantir a seguridade nunha zona que xa está como peonil en gran parte dende hai anos”

Ante a protesta dun colectivo de comerciantes da Praza Maior e arredores no día de hoxe no Concello, a Concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Vanesa Fernández, afirma que “nas últimas semanas mantivemos reunións cos veciños e cos comerciantes das rúas nas que queremos e temos a obriga de garantir a seguridade viaria nunha zona que xa é en gran parte peonil”, Fernández engadíu que a responsabilidade do goberno é buscar a mellor solución para comerciantes e veciños en xeral que usan os espazos públicos como a Praza Maior e neste sentido citou que se recolleron algunhas das demandas como a necesidade de acceder por parte de persoas con mobilidade reducida e persoas que tivesen que necesidade puntual de acceder en vehículo, ademais dos accesos para residentes e comerciantes. Neste sentido contemplouse unha nova zona de servizos que permitirá dar solución a esta demanda veciñal”.

Na última reunión mantida no Centro Social, a Concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade “manifestou que temos na Praza Maior un problema de seguridade dos nosos nenos e maiores, como consecuencia de compartir espazo de ocio peonil co paso de vehículos, ao que temos que darlle unha resposta”. De feito fai algo menos dun mes un menor case resulta atropelado por un turismo que circulaba por unha zona prohibida, xa hoxe en día, na Praza Maior. O goberno tamén ten recibido numerosas queixas de veciños e veciñas que acoden a Praza Maior e manifestan verbalmente o seu descontento e preocupación co continuo tránsito de vehículos por esta Praza repreta de xente.

Os obxectivos de mellorar a Praza Maior e o seu entorno son diversos: crear un espazo propicio para o comercio, un maior uso do espazo público, recuperar os peóns como elemento clave da identidade urbana, entre outros. “Nas zonas nas que a prioridade é para as persoas, sempre se gaña en calidade de vida, máis veciños acaban utilizando eses espazos e indirectamente o comercio ten máis potenciais clientes e as experiencias positivas doutras zoas comerciais indican que despois dun tempo, tanto veciños como comerciantes saen gañando con este tipo de cambios, esa é tamén a nosa intención e realizaremos os cambios dialogando con todos e evitando perxuízos” afirma Vanesa Fernández.