O goberno BNG-PSOE leva a pleno a normativa para regular o teletraballo no concello

O texto abordouse o 26 de febreiro cos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación

O concelleiro de Recursos Humanos e Innovación Tecnolóxica, Benito Márquez, elevará ao pleno o próximo martes, 30 de marzo, o Regulamento para o Fomento do Teletraballo no concello de Ponteareas.  O concelleiro indicou que, a grandes rasgos, o Regulamento “establece que poden solicitar acollerse a esta modalidade de traballo os empregados municipais que ocupen postos que non requiran de prestación de servizos presenciais. Actualmente, e debido á situación de pandemia, xa están teletraballando ao redor de 42 traballadores municipais, e durante ese tempo demostrouse que é un instrumento eficaz e válido, sempre que se utilice con responsabilidade e profesionalidade, sendo moi ben acollido polo persoal municipal e co que, ademais, se favorece a conciliación da vida persoal e laboral”.

Márquez informou que “o Regulamento abordouse o 26 de febreiro en Mesa Xeral de Negociación cos sindicatos, que realizaron as súas aportacións, incluíndose estas no documento que vai a pleno. O Regulamento foi aprobado definitivamente polos sindicatos maioritarios, UGT e CCOO, absténdose na votación o CSIF e a CIG, o luns 23 de marzo”. Trala súa aprobación inicial polo pleno e a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), abrirase un prazo de 30 días hábiles para a presentación de reclamacións ou suxestións que serán estudiadas para a súa posible incorporación ao documento final. Posteriormente o Regulamento, de haber reclamacións, volverá ao pleno para a súa aprobación definitiva.

O tempo máximo da xornada en cómputo semanal que unha persoa poderá solicitar o teletraballo é do 60% (tres de cada cinco días). Aqueles/as traballadores/as que teñan persoas dependentes ao seu cargo ou con fillos/as menores de 14 anos poderán solicitar o 80% (catro de cada cinco días) da xornada laboral en teletraballo, sempre que as necesidades do servizo o permitan. A prestación do servizo garantirá, en todo caso, un mínimo de presencialidade co fin de favorecer o vínculo das/os empregadas/os públicas/os coa organización e o traballo en equipo. Non obstante, de forma suficientemente motivada poderase incrementar a porcentaxe de horas en modalidade de teletraballo

O concelleiro de Recursos Humanos incidiu, asemade, en que “con esta regulación do teletraballo facilitamos que o concello siga funcionando en situacións de emerxencia, como as actuais, preservando a saúdo dos traballadores municipais ante unha situación de alerta sanitaria como a actual; do mesmo xeito, con esta normativa avanzamos no noso obxectivo de modernizar a administración pública e facela máis áxil de cara ao cidadán”.