O goberno aproba a liquidación da conta xeral do ano 2018

Por segundo ano consecutivo o goberno consegue un remanente de tesourería positivo

O goberno de Ponteareas aproba cos votos en contra da oposición a conta xeral do orzamento correspondente ao ano 2018 que obtivo un remanente positivo de tesourería de 1.933.681,65€, conseguindo por segunda vez colocar na historia contable do concello de Ponteareas un resultado de tesourería positivo.

En base ao informe da interventora as alegacións do Partido Popular á conta xeral do ano 2018 foron rexeitadas dando paso á aprobación destas contas que cumpren coa regra de gastos e que ademais están moi por debaixo do índice de endebedamento permitido aos concellos cun 11,4% de índice de débeda fronte ao 75% permitido pola lexislación. Ponteareas é así un dos concellos galegos con menor débeda.

O alcalde Xosé Represas lembroulle ao Partido Popular que “tan só catro anos antes, no ano 2014, o remanente de tesourería arroxaba a cifra de máis de cinco millóns negativos”

As contas aprobadas hoxe no pleno extraordinario serán remitidas agora ao Consello de Contas de Galicia, como órgano fiscalizador das administracións públicas.