O goberno anuncia a mellora de dous quilómetros na estrada EP-2703 ao seu paso por Ribadetea

sdr

O goberno de Ponteareas informa que a Deputación de Pontevedra vén de aprobar oficialmente en Xunta de Goberno o proxecto de mellora da seguranza viaria para 2,2 quilómetros da estrada EP-2703 ente Pazos e Ponteareas ao seu paso pola localidade de Ribadetea, no concello de Ponteareas. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que o investimento provincial ascende a preto de 780.000 euros, e suporá a creación de itinerarios peonís, a mellora do firme, a instalación de elementos de calmado de tráfico, e tamén a incorporación de servizos soterrados nunha zona moi transitada pola veciñanza nas inmediacións da igrexa parroquial, da escola infantil, e da Casa Cultural. 

O proxecto, segundo explica Benítez, entra agora en fase de licitación: as empresas interesadas en realizar a obra presentarán as súas ofertas e o persoal técnico provincial valorará cal é a mellor proposta económica e técnica para a adxudicación. Unha vez se inicien os traballos, a comezos de 2019, o prazo de finalización será de seis meses. 

A mellora desta estrada responde a unha demanda veciñal da parroquia de Ribadetea trasladada á Deputación polo goberno local encabezado por Xosé Represas que, en varios encontros, manifestou que a zona necesitaba dunha mellora da seguridade viaria para facilitar o tránsito de peóns no lugar de Ou Souto, comunicando equipamentos como a igrexa parroquial de San Xurxo e o colexio da Picaraña.

A Deputación recolleu a proposta dado que encaixaba plenamente coa nova filosofía do goberno provincial e encargouse o proxecto de execución. O deputado Benítez lembra que coa chegada á Deputación mudáronse as prioridades e, “en lugar de deseñar estradas unicamente pensadas para os vehículos e maiores velocidades, comezou a poñerse o foco nas persoas e a apostar por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión”.

 “As actuacións propostas para Ribadetea teñen por finalidade dar valor aos peóns, que agora non poden circular con seguridade, e dinamizar a zona”, explica Benítez. No proxecto, de feito, inclúese a creación dun espazo de tránsito peonil diferenciado e, nas zonas onde non hai sección suficiente, zonas de convivencia -sen diferenciación de tráficos- con plataforma sobreelevada e con preferencia peonil. Haberá tamén un tratamento de posta en valor no ámbito da igrexa de San Xurxo e o cruceiro de Entreeidos, onde se utilizarán encintados e pavimentos e pedra e adoquín en lugar dos formigonados  e dos aglomerados de cor do resto dos ámbitos.

Ademais das melloras nos itinerarios peonís, o proxecto inclúe unha rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 11+300 e 13+500, instalaranse redutores de velocidade de vehículos, renovarase a rede de drenaxe, canalizarase un treito de abastecemento, e instalarase novo mobiliario urbano e unha marquesina.

Pola súa banda, o alcalde Xosé Represas manifestou a súa satisfacción polo feito de que o proxecto para a reforma da estrada sexa xa una realidade e que se inicien os trámites formais para a contratación. Destacou que a calidade de vida da veciñanza de Ribadetea mellorará considerablemente grazas a esta actuación da Deputación, tan demandada tanto polo propio goberno local como polos veciños e veciñas da zona.