O goberno amplia a rede de saneamento en Prado

dav

O goberno de Ponteareas avanza no cumprimento dos compromisos adquiridos coa cidadanía. Na listaxe de obxectivos do goberno presidido polo Alcalde Xosé Represas estaba en lugar prioritario mellorar e ampliar o saneamento nas parroquias e hoxe cunha axuda da Deputación de Pontevedra executa unha nova  fase do proxecto de saneamento de augas fecais en Prado.

Oito novos tramos dos que seis discurren por viais municipais e dous por dominio público da PO 254 da Xunta de Galicia.

Ao longo de máis dun quilómetro colocaráse tubaxe, realizaránse zanxas, instalaránse pozos de rexistro e volverase a reparar o asfaltado con reforzos de formigón nos lugares que sexa preciso e atravesando a PO254 mediante topo, un sistema que permite o paso da tubaxe sen ter que romper o asfaltado nin cortar a estrada. A tubaxe desenvocará na actual minidepuradora de Prado que ten capacidade para asumir as vivendas de Prado que non contan con saneamento.

Un proxecto de 90.745,88€  que permitirá a corenta e cinco fogares conectarse ao saneamento público deixando de usar os seus pozos sépticos en beneficio do medio ambiente e tamén da súa economía co aforro do mantemento. 

Cun prazo de execución de seis semanas, esta fase de saneamento en Prado supón un novo esforzo en mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e ademais un novo compromiso coa defensa do medio ambiente e do rio Tea.

“Tal e como adiantamos cando entramos no goberno daremos os pasos para crear un futuro de calidade para Ponteareas e o saneamento é un deses pasos obrigados pendente dende hai anos. Estas obras son importantes polo aforro que xeneran ás familias, porque ofrecen un servizo indispensable e porque contribúen na protección do medio ambiente, un dos obxectivos da nosa estratexia Ponteareas, Hábitat Saudable financiada cos fondos FEDER da Unión Europea”, conclúe Represas.