O gaiteiro de Guláns Alfredo Fragueiro Souto foi homenaxeado no XLIX Concurso de Gaitas de Ponteareas

O evento tivo lugar na tarde do sábado 24 no auditorio municipal Reveriano Soutullo

Alfredo Fragueiro Souto, apaixonado da gaita, naceu o 5 de febreiro de 1927 e comezou a interesarse pola música cando era un cativo, seguindo a estela de todos os músicos da parroquia, que contribuíron a facer de Ponteareas unha vila senlleira por ser berce de grandes músicos

Sentiu a chamada da música cando era noviño e o primeiro instrumento que acariñou foi unha frauta, feita por el mesmo e para que empregou unha sinxela cana da que foi quitando melodías de cancións da época.

Porén, o gaiteiro de Guláns comezou a forxarse a súa sona cando lle regalaron un punteiro de gaita, un tesouro para o pícaro que era, conseguindo a primeira gaita grazas a unha señora de Areas, que lla prestou.

Q55A7051

Xa con 14 anos, en 1941, intégrase no grupo Os Pequenos, de Guláns, comezando a súa longa andaina. O seguinte grupo no que formou foi a agrupación Os Almuíñas, tamén da parroquia orixinaria do gaiteiro, moi recoñecido pola súa calidade musical e de moita sona en toda a bisbarra e mesmo fóra.

Alfredo Fragueiro destacou por un ser un experto na afinación das gaitas e foi parte activa e indispensable para que o grupo Os Almuíñas fose moi estimado polo público e que aínda hoxe sexa lembrada.

As súa fonda necesidade vital por tocar a gaita levouno a formar parte da murga O Pentagrama e Brisas do Condado coa que difundiu a súa música por toda a provincia de Pontevedra. Tamén foi moi fiel, ao longo de toda a súa andaina, ás danzas dos Ranchos de Reis de Guláns e sempre difundiu estas pezas alá por onde foi.