O filme A Esmorga proxectarase o mércores ás 18.30 no Auditorio Reveriano Soutullo coa presenza do director Ignacio Vilar e o actor Antonio Durán “Morris”

O realizador e o protagonista charlarán co público sobre as temáticas que a película trata e a súa experiencia na realización.

O éxito de público e premios acadado pola película A Esmorga, dirixida por Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor) co seu guión baseada na novela homónima de Eduardo Blanco Amor, non toca ao seu fin. Desta volta, fan unha parada na súa xira de presentación en formato DVD da cinta en Ponteareas. En concreto, van proxectala no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo o vindeiro mércores 11 de maio ás 18.30. Após, o seu director e mais o actor Antonio Durán “Morris” (Pratos Combinados, Os Fenómenos, Los Lunes al Sol) charlarán co público e asinarán exemplares dos DVD.

A Esmorga conta a historia de tres amigos: Bocas (Karra Elejalde), Milhomes (Morris) e Cibrán (Miguel de Lira) que tras o seu encontro nun monte comezan unha xornada de algarabía e frenesí que deixa entrever problemas, afectacións e complexos dos seus protagonistas. Coma di o seu cartel: “Ían fechando portas tras de si e guindando as chaves”. A interpretación do trío de actores foi gabada en numerosos festivais de cinema e mesmo premiada no Festival du Cinema Espagnol de Toulouse.

A Esmorga foi nominada nos pasados premios Goya á cinta con mellor guión adaptado e tivo un récord de espectadores na semana da súa estrea, chegando aos 40.000 espectadores, con un numero de cintas distribuídas por salas por baixo das 100.

esmorga1.