O Festival Groba supera o seu ecuador cun importante éxito de asistencia

O ciclo de concertos pechará o vindeiro venres, día 12

O Festival Groba, que se está a celebrar na vila de Ponteareas dende o pasado día 5, vén de superar o seu ecuador a pasada noite coa estrea dun ciclo para orquestra de corda escrito este mesmo ano por Rogelio Groba e inspirado no discurso que Castelao pronunciou en 1948 en Buenos Aires “Alba de Gloria”. Foi o cuarto dun total de oito concertos programados na presente edición.

FG-001

O público foi quen de superar as altas temperaturas de días pasados para asistir a unha actividade que se está a consolidar dende os seus inicios, en 2013, como unha das referencias máis interesantes do verán musical galego, grazas, en boa medida, á presencia de intérpretes de contrastada calidade a nivel mundial. Sirva como exemplo a participación este ano de Guy Braunstein, que foi concertino da Orquestra Filharmónica de Berlín; Emmanuele Baldini, solista da Orquestra Sinfónica do Estado de Sao Paulo; ou nomes xa coñecidos pola súa participación en anteriores edicións do festival, como Lea Hennino, Kyoungmin Park, Clara Jumi Kang ou Kasia Wiezcorek, entre outros.

Xunto a estes intérpretes, o apoio incondicional a músicos galegos, que este ano estarán representados polo frautista ferrolán Bernabé Simes e a chelista Alba Reirís, xunto á propia Orquestra de Cámara Galega (OCGa) que, un ano máis, vén actuando de “orquestra residente” do festival.

FG-004

Dende os seus inicios, esta cita musical tivo como sinal de identidade unha estrutura que, sendo habitual noutras latitudes europeas, se converteu en novidosa na nosa Comunidade: amais dos concertos, que teñen lugar todos os días a partir das 21:00 horas no Auditorio Municipal, os solistas convidados  realizan unha serie de cursos de formación, auténticas clases maxistrais, ás que poden asistir os alumnos interesados. Este ano, Zvi Plesser, reputado pedagogo e solista, impartiu clases de violonchelo, e Emmanuele Baldini ofreceu un curso especial para solistas de violín. Algúns dos seus alumnos participarán no concerto de clausura actuando xunto á OCG. Pero un dos cursos máis novidosos é o de “Biomecánica e prevención de lesións para violinistas”, que tivo lugar a pasada fin de semana por parte da fisioterapeuta Nerea Carrera.

Nos días que restan de festival, que rematará o vindeiro venres, día 12, aínda quedan pendentes a estrea de dous dos catro concertos que integran o ciclo “A roda do ano”, de Rogelio Groba (os titulados Primavera” e “Verán”), e a interpretación de obras de Clara e Robert Schumann, Mendelssohn, Bach, Beethoven, Brahms e Vivaldi.