O Festival Groba encara a súa recta final

Vivaldi e Groba protagonizan o concerto de clausura o venres, día 12

O Festival Groba encara a súa recta final cun concerto de clausura no que a Orquestra de Cámara Galega interpretará “Catro microconcertos”, de Rogelio Groba, e “As catro estacións”, de Vivaldi. Para este concerto, a orquestra contará coa intervención como solistas de catro das alumnas do Curso para Xoves Solistas de Violín, impartido ao longo de toda a semana polo profesor Emmanuele Baldini. As alumnas seleccionadas nesta ocasión serán a suíza Paula Novoa, a española Elena Rodríguez Oubiña, e as norteamericanas Dhyani Heath e Miranda Liu.

FG-C-03

Con este concerto ponse o broche final ao Festival Groba, que este ano acadou a súa cuarta edición, e que ao longo dunha semana celebrou no Auditorio Municipal de Ponteareas un total de oito concertos nos que o público puido contar coa presencia de algúns dos nomes máis relevantes do panorama internacional, así como unha serie de cursos e clases maxistrais impartidos por algúns destes solistas.

Durante todas estas xornadas e a pesar dos rigores da climatoloxía, o público non quixo perder a oportunidade de ver en directo a solistas da categoría de Guy Braunstein, Emmanuele Baldini, Clara jumi Kang, Lea Hennino, Kyoungmin Park, Massimo Macri, Zvi Plesser, Gili Schwarzman, Julien Quentin, Kasia Wiezcorec ou a soprano Ingrida Gapova, actuando xunto a algunhas das grandes promesas da música galega, como a cellista ponteareá Alba Reirís ou o frautista Bernabé Simes. Nin tampouco de asistir á estrea de obras de Groba, como o ciclo “Alba de Gloria” ou dos dos concertos da colección “A roda do ano”, ou a composición realizada polo lugués  Luís Álvarez Cabado por encargo da organización do festival, “Andante impromptu”.

A valoración realizada polos asistentes non pode ser máis que positiva tendo en conta a afluencia de público a cada un dos concertos, así como o entusiasmo co que aplaudiron as obras interpretadas.