O festival Danzando entre Culturas traerá música tradicional e baile de Sudáfrica e Paraguai a Ponteareas

Unha representación destes países uniranse á Agrupación Folclórica Algazara na noite do vindeiro domingo 24 de agosto no Parque da Feira Vella a partir das 21.00 horas

foto2danzandoculturas

O festival multicultural chega a súa segunda edición co patrocinio da Concellería de Cultura, coordinada por Hortensia Bautista. “Tentamos unha vez máis internacionalizar a nosa música tradicional, así coma chegan mostras doutros lugares do mundo, para ofrecer ao público unha fórmula atractiva e novedosa”, explicou a edil. “Felicito á agrupación folclórica Algazara polo traballo e tesón durante o ano para organizar o festival”, engadiu. “Agradecemos o apoio do Concello ao festival para seguir ofrecendo a mellor música e baile tradicional do mundo”, indicou o vicepresidente da agrupación, Iván Álvarez.

Desde o corazón de Sudamérica, Paraguai, chega o grupo folcórico Rekové, cun elenco de danza que integra bailaríns profesionais de diferentes escolas de danza do país. Son unha agrupación con proxección internacional que mostra así seu folcore, a súa arte, a súa lingua, as súas danzas tradicionais e a súa cultura Guaraní. Os instrumentos máis populares son a arpa paraguaia e a viola. Nos seus bailes destacan as polcas, nas que a bailarina demostra a súa habilidade, equilibrio e capacidade elevando garrafas de vidro na cabeza, e as galopas, danzada por un grupo de mulleres que transportan auga en xarros de barro aos homes que están nas labores do campo.

A Themba Mjilo Foundation é unha agrupación procedente do extremo sur do continente africano, Suráfrica, cunha enorme variedade de culturas que enriqueceron a proposta musical e artística deste país. Ese grupo foi fundado en 1984, na rexión Kwazulu,  provincia de Limpopo. Composto por 35 mozos e mozas, presenta un espectáculo dinámico e enérxico, cunha gran variedade de fermosos traxes tradicionais da súa rexión. Dispoñen de diferentes tipos de danzas indíxenas e música de tradición Zulú. Teñen unha longa experiencia internacional, representando ao seu país nos maiores festivais do xénero en Indonesia, España, Italia, Reino Unido, E.U.A, Alemaña Bélxica, Países Baixos e Portugal.