O FC Xinzo e a SD Juvenil loitan esta fin de semana polo ascenso

Esta fin de semana xóganse dous partidos trascendentais para o CF Xinzo e para a SD Juvenil de Ponteareas no seu obxectivo de acadar o ascenso nas respectivas ligas.

O FC Xinzo, equipo de terceira rexional, xoga o seu último partido da tempada e tamén o ascenso á segunda categoría no seu campo, o Eido d’Albo, o domingo ás 17:00 h contra o Vilasobroso. O equipo ponteareán depende de si mesmo e necesita unha vitoria para acadar o ascenso directo á categoría que por calidade lle pertence. Segundo con 72 puntos, pode incluso acabar primeiro se o Progresista, con 74 , non gaña o seu partido e o Xinzo se fixera con tres puntos.

Á Sociedade Deportiva Juvenil, pola súa parte, aínda lle quedan dous partidos de tempada. O deste domingo é o seu último partido como local, que se xogará no Complexo Deportivo de Pardellas, ás 18:00 h. Este outro equipo ponteareán vai cuarto na táboa clasificatoria, pero depende de si mesmo para acadar o ascenso. Para iso, deberá ser quen de gañar os dous partidos que lle quedan, en tanto a última xornada enfronta ao primeiro e terceiro, o Cambados e o Portonovo.

A concellería de Deportes, dirixida polo socialista Benito Márquez, quixo apoiar a ambos equipos para o que lles deu á ambolos dous 80 camisetas de apoio para que repartan entre as súas afeccións durante os dous encontros e fomentar así a unión veciñal que comparte un mesmo sentir. 

“Debemos facer que os xogadores dos dous equipos se sintan arroupados e axudarlles a conseguir o ascenso que tanto merecen polo traballo que ao longo de toda a tempada fixeron”, sinalou Benito Márquez.