O executivo municipal reunirase o venres cos propietarios dos terreos do Parque Industrial da Lomba

A Comisión de Urbanismo para ditaminar o PXOM tamén terá lugar o venres 29 de xaneiro

O venres 29 de xaneiro, a partir das 20:00 horas, terá lugar unha reunión entre o goberno municipal e os propietarios dos terreos do Parque Empresarial da Lomba. A reunión enmárcase no conxunto de encontros que o executivo está a manter con diversos colectivos antes de presentar o documento final do PXOM no Pleno Municipal para a súa aprobación.

No caso dos propietarios da Lomba, tanto o alcalde ponteareán, Xosé Represas, como a concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, queren reiterar o compromiso de desenvolver, ao longo dos vindeiros meses, a redacción dun Plan Parcial da Área Industrial da Lomba, de xeito que “vaiamos dando os pasos precisos para que Ponteareas conte cun solo industrial que permita atraer empresas ao concello, permitindo diversificar a economía do mesmo coa seguridade xurídica que ofrecerá, se todo segue o programa previsto, a aprobación do PXOM”.

O goberno, que tamén aproveitará para dar conta dos avances que contempla o PXOM para esta zona, informará sobre a folla de ruta prevista tanto en termos de financiamento como no relativo ao desenvolvemento do Plan Parcial. “Levamos varios meses asesorándonos e procurando o financiamento necesario para poñer en marcha a redacción deste Plan; temos moi claro o camiño a seguir e coa aprobación dos novos orzamentos será posible desatascar esta situación despois de moitos anos”, sinalou Garrote.

Comisión de urbanismo

O mesmo venres 29 de xaneiro está convocada, pola mañá, a Comisión de Urbanismo que permita ditaminar o texto final do Plan Xeral, para o que os representantes de todas as forzas municipais xa contan co informe xurídico correspondente. Todos os grupos da corporación teñen o documento final do PXOM dende o pasado venres 22 de xaneiro.

A edil de Urbanismo quixo salientar que “o informe xurídico é favorable e recolle que as modificacións levadas a cabo, ben polas esixencias dos informes sectoriais, ben polas decisións do goberno en prol do interese xeral, non mudan o sentido global do PXOM, polo que non é preciso sometelo de novo a exposición pública”.