O ESTUDO DE MOBILIDADE FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN PARA PONTEAREAS PROPÓN AUMENTAR O 18% DO ESPAZO PÚBLICO DE PRIORIDADE PARA O PEÓN

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer hoxe o ‘Estudo de Mobilidade e proxecto de desenvolvemento de actuacións de mobilidade sostible en Ponteareas’, que propón aumentar un 18% o espazo público con prioridade peonil no concello do Condado. O documento, financiado pola institución provincial, pretende sentar as bases a curto, medio e longo prazo para acadar unha mobilidade máis humana no núcleo urbano da vila, polo que a maior parte dos eixos de intervención propostos pretenden fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta.

Segundo explicou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, o Estudo de Mobilidade pretende ser un “plantexamento global do novo modelo de mobilidade sustentable que permita aumentar a calidade urbana e de vida á veciñanza. Estes criterios técnicos son os que hai que seguir e, a partir de aí, o Concello de Ponteareas establecerá as súas prioridades para actuar no espazo urbano tendo en conta a súa estratexia xeral Ponteareas Hábitat saudable”, subliñou.

O responsable provincial asegurou que “este documento marca as potencialidades que Ponteareas pode desenvolver” e matizou que “é unha proposta que racha a tendencia anterior e pasa dun modelo orientado ao automóbil cara un modelo orientado aos peóns no que a mobilidade peonil é prioritaria no núcleo urbano”. Neste sentido, o equipo técnico redactor do plan explicou que o primeiro dos eixos principais do Estudo de Mobilidade é establecer un modelo de prioridade peonil e ciclista, procurando alternativas ao uso do vehículo privado, mellorando e aumentando a superficie destinada ao peón alomenos nun 18%.

Pola súa parte, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, explicou “unha transformación así é posible porque as fortalezas de Ponteareas son máis notables que as súas debilidades: unha media de idade moi nova, unha densidade urbana propia de cidades de maior tamaño, un patrimonio inmaterial e natural de grande valor e, sobre todo, unha veciñanza activa e emprendedora. Ponteareas Hábitat Saudable é un proxecto vivo, aberto, flexible que servirá para marcar un novo horizonte a medio e longo prazo no que as persoas e a paisaxe natural sexan prioritarias e garantirá que as decisións do presente non hipotequen o futuro da veciñanza de Ponteareas”.

Dous accesos ao núcleo urbano
O segundo eixo de intervención do Estudo de Mobilidade pretende dar as claves para reducir o desprazamento de vehículos no núcleo e a porcentaxe de superficie destinada ao coche no espazo público, cuestión que debe ir acompañada da introdución de transporte público. En concreto, plantéxase un modelo que diminúe o número de vehículos que circulan no núcleo urbano de Ponteareas e concretamente na área ambiental central -que abrangue casco vello e Perillana- que pasa pola redefinición das grandes vías de paso e acceso ao núcleo urbano (N-120, PO-254, PO-403, EP- 4006 e EP-4001).

Os accesos á vila, así, quedarían limitados a dous, un situado na avenida Castelao (PO-403) a través da Rúa Castiñeira e outro na avenida Galicia a través da Rúa Vidales Tomé, e serían os únicos que poderían atravesar o centro de Ponteareas facilitándolles aos vehículos a saída cara o exterior da área ambiental central en diversos puntos, sempre con sentido único de circulación.

O Estudo de Mobilidade tamén apunta a posibilidade de construción dunha nova variante que conecte a estrada a As Neves (EP-4006) e a rúa Tobador Xoán Guillade (EP-4001), xa que a súa realización permitiría reducir vehículos no interior da trama urbana, deixando as vías que continúan cara o centro con prioridade peonil e ciclable.

Esta racionalización da estrutura viaria de Ponteareas -terceiro dos Eixos de Intervención- incorpora os enlaces coas grandes vías territoriais e artella a comunicación entre os principais centros de actividade. Para garantir a visibilización desta transformación, proponse tamén a execución dun anel verde principal arredor do núcleo (poñendo en valor o regato da Venda e a senda do río Tea) e prográmase a construción doutro transversal a medio prazo, de tal xeito que se faga viable percorrer a vila a través dos percursos peonís que se plantexan.

Estacionamentos públicos disuasorios
En canto ao estacionamento, o Estudo de Mobilidade, no seu obxectivo de racionalizar os sistemas existentes, propón diminuír a presenza de estacionamento en calzada no interior da área ambiental central, concentrando os vehículos no perímetro, nunha rede de estacionamentos públicos disuasorios.

Segundo os técnicos do estudo, a construción dun aparcadoiro na antiga fábrica de Granitos, no contorno do supermercado Froiz, ou nas marxes da avenida Castelao, contribuiría a evitar a entrada de vehículos mantendo un esquema semellante ao que sucede en datas sinaladas como a festa do Corpus. Cara ao Este da vila, sería conveniente manter o da avenida Rosalía de Castro así como programar axeitadamente os desenvolvementos nas áreas de reparto de Sarmiento. En calquera caso, aínda sendo conscientes da non necesidade dun maior número de prazas de aparcadoiros na área ambiental central de Ponteareas, de cara a unha maior dinamización do casco vello, os autores do estudo non descartan a posibilidade de introducir un novo aparcadoiro de titularidade pública no centro da vila na contorna da Praza Maior. Por outra banda, para completar esta nova política de estacionamento o plan de mobilidade considera “imprescindible” a mellora do sistema de rotación de prazas para a totalidade da área ambiental central.

O documento final do Estudo de Mobilidade e Espazos foi elaborado logo dun proceso participativo no que se tiveron en conta as opinións dos veciños e de diferentes sectores económicos e políticos por medio de reunións e enquisas. As necesidades plantexadas nesa participación foron contrastadas cos datos de poboación, fluxos de tráfico rodado e peonil e con outros aspectos técnicos para dar lugar ás propostas.
Na presentación do estudo estiveron presentes o deputado provincial, Uxío Benítez, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o responsable do estudo, o técnico Luciano González.