O escritor Xosé Monteagudo presenta o seu novo libro “Todo canto fomos” no ciclo Venres D_letras

O escritor intervirá o día 11, no Salón de Plenos, a partir das 20:30 horas

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas continúa co seu ciclo “Venres D_letras“, no que participarán escritores e escritoras galegos para presentar na vila as súas novidades editoriais. Nesta ocasión contaremos coa presencia de Xosé Monteagudo, que nos falará de “Todo canto fomos”, unha das novelas que mellores críticas está a recibir dende a súa aparición a finais da primavera, e habitual nas listas de libros máis vendidos nos últimos meses.

monteagudo

 A través dunha serie de personaxes de ficción que por momentos interactúan con personaxes reais, Monteagudo percorre en “Todo canto fomos” algúns dos momentos máis relevantes da historia de Galicia do último século para argallar un relato de lectura engaiolante e final sorprendente.

 O autor estará acompañado de Carlos Lema, editor da novela, e por Manrique Fernández, coordinador do ciclo.

 Este ciclo terá continuidade o segundo venres de cada mes, a partir das 20:30 horas no Salón de Plenos do Concello, dándolle cabida tanto a autores consagrados como aos novos valores da nosa literatura. Dende a Concellería de Cultura preténdese desta maneira darlle visibilidade aos escritores galegos contemporáneos, así como ofrecer aos ponteareáns unha visión global da actualidade editorial que se está a desenvolver en Galicia.

 O vindeiro mes de decembro, co gallo do Nadal, o ciclo duplicará a súa actividade coa presenza de Inma López Silva, que nos presentará “Aqueles días en que eramos malas”, o día 9; e Xoán Carnero que nos falará de “Conflitos bélicos na raia do Baixo Miño (1640-1668)”, o día 16.