O escritor e profesor Alfredo Conde fará a lectura do Pregón o sábado 30 de maio no Auditorio Reveriano Soutullo

alfredo-condeAlfredo Conde Cid, recoñecido escritor e mestre, será o encargado de realizar a lectura do pregón das festas do Corpus Christi 2015. O acto terá lugar no Audotorio Reveriano Soutullo, o vindeiro sábado 30 de maio ás 21:30 horas. O Bruxo Queimán e Andrea Pousa tamén participarán desta apertura oficial da festividade máis importante da vila do Tea.

Alfredo Conde naceu en Allariz, Ourense, no mes de xaneiro de 1945. Estudou Náutica en A Coruña e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. É doutor honoris causa en Letras pola Trobe University of Melbourne (Australia) e tamén Cabaleiro da “Orden de las Artes y las Letras de Francia”.

Exerceu a docencia en colexios privados e con posterioridade foi deputado no primeiro Parlamento de Galicia, en 1981, e conselleiro de Cultura no goberno galego entre os anos 1987 e 1990. Desde hai máis de vinte anos vive na súa Casa da Pedra Aguda, nas inmediacións de Santiago de Compostela, dedicado integramente ao seu oficio de escritor.

Conde escribiu dezasete novelas, varios libros de contos, tres de poesía, dúas obras de teatro, varios guións de televisión, entre eles os correspondentes á serie de TV/TVG  “Los caminos de Santiago”, sete capítulos dunha hora de duración; tamén de cine, reportaxes, así como o texto da “Gran Cantata Xacobea” un oratorio de Rogelio Groba, interpretado pola  London Symphony Orchestra e o coro ”London Voices”. Entre as súas obras salienta un libro no que recolle unha larga entrevista de máis de oito horas mantida con Fidel Castro diante das cámaras de televisión.

Como novelista foi galardoado co Premio Nacional de Literatura pola súa novela “Xa vai o Grifón no vento”, primeira vez que se premiou unha novela escrita nunha lingua española distinta do castelán. Esta mesma novela obtivo o Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira editada en Italia no 1990. En 1991 obtivo el Premio Nadal, pola súa novela “Los otros días”. En 2009 foille concedido en Italia o Premio Internazionale Civilta delle Minorance polo conxunto da súa obra.

Alfredo Conde obtivo en dúas ocasións o Premio da Crítica Española e o Premio da Critica de Galicia. A súa obra foi traducida a diversos idiomas e en algúns países, como en Rusia, foron editadas once das súas novelas. Gregory Rabassa, prestixioso tradutor literario, incluíu a súa novela “Breixo” no “Voice Literary Suplemente” entre as oito obras mestras contemporáneas que daquela aínda non foran editadas en EEUU.  En maio deste ano entregáronlle o premio Quaderni Hispano Americani, da prestixiosa revista italiana, pola súa traxectoria literaria.

O autor mantén colaboracións periódicas en diversos medios. Unha delas, con carácter diario, en El Correo Gallego, na súa columna “Los otros días”; outra, semanal, en “La Región”, ademais doutras esporádicas en diversos medios escritos nacionais e estranxeiros. Como xornalista foi galardoado cos premios “Fernández Latorre” e “Julio Camba”. Como conferenciante interveu en máis de duascentas universidades de todo o mundo.