O equipo xuvenil do Real Club Celta disputará o Trofeo Festas de San Miguel contra a Sociedad Deportiva Juvenil

O equipo xuvenil do Real Club Celta disputará o Trofeo Festas de San Miguel contra a Sociedad Deportiva Juvenil

O encontro, organizado conxuntamente pola concellería de Deportes e o propio club ponteareán, terá lugar o martes 29 de setembro no Campo Municipal de Pardellas

Q55A8215A concellería de Deportes, xestionada por Benito Márquez, e a Sociedad Deportiva Juvenil, organizan o Trofeo Festas de San Miguel, que enfrontará ao club ponteareán co equipo xuvenil do Real Club Celta, o cal milita na División de Honor desta categoría.

O encontro terá lugar no Campo Municipal de Pardellas o vindeiro martes, 29 de setembro, día de San Miguel, ás 18:30 horas. O edil de Deportes salientou que “resulta de agradecer que haxa clubs en Ponteareas capaces de atraer a comparecencia de clubs tan prestixiosos como o Celta porque para todos os veciños e veciñas da vila que son afeccionados ao fútbol, estes partidos son unha oportunidade de ver a futbolistas de primeiro nivel. Neste caso estamos falando do Real Club Celta Xuvenil, que xoga en División de Honor, e que supón o paso previo ás categorías absolutas, polo que poderíamos estar vendo a futuros xogadores de Primeira División”.

A presentación do trofeo contou tamén coa presenza do alcalde, Xosé Represas, quen afirmou que tentará asistir ao encontro, e do presidente da Sociedad Deportiva Juvenil, Pedro Alfaro, que recordou que “antes da celebración do partido terá lugar a entrega dunha placa conmemorativa a Manuel Davila, o socio número 1 do noso club”.