O documental Shoots from Abyssinia de Ovidio Fernández será proxectado mañá venres 6 de maio no Auditorio Reveriano Soutullo

A película conta as aventuras de Abdul, un neno de 15 anos, no seu retorno a histórica Abisinia, hoxe Etiopía, tras catro anos adoptado en Galicia

 

Esta longametraxe é a culminación dun traballo que se iniciou no verán de 2010 coa rodaxe no norte de Etiopía baixo a dirección e guión de Ovidio Fernández, tamén xornalista na TVE, e mais produción de Catarina Fernández. O filme xorde nun principio para amosar Etiopía, un país descoñecido para a gran maioría da xente que vive ó norte e de costas ó continente africano. Etiopía foi no seu momento o estado máis antigo, aturando incluso a invasión das forzas coloniais italianas no século XIX. O seu nome histórico Abisinia lémbranos inclusive a orixe do propio ser humano. Etiopía é un lugar lendario.

Cartel Galego_opt

O coñecemento da realidade etíope é cada vez máis perentorio. Abonda comentar como exemplo que Galicia, na última década, incrementou a súa poboación en máis de 700 nenos adoptados por familias galegas, precisamente cando as taxas de crecemento da poboación e renovación xeracional caen en picado.  O descoñecemento da realidade do seu país de orixe produce estereotipos, tópicos e prexuízos na convivencia con eles.

 

Esta realidade entronca co relato de Abdul, un raparigo de 15 anos, adoptado fai catro por unha familia galega. Na filmación do seu retorno a Etiopía vanse desterrando estes clichés a través da súa propia vivencia. Coa axuda do libro Historia de Etiopía, regalo do seu pai, o protagonista percorre as diferentes rutas e etapas que o autor Pedro Páez tivo no seu día. “Para Abdul, como etíope nado en Adís Abeba, na capital, e mesmo par min, como realizador, en ambos os planos, o país foi unha sorpresa absoluta pola súa diversidade”, comenta o autor do filme Ovidio Fernández. “Desde o meu punto de vista de neno dos Ancares, darlle a oportunidade ao neno de coñecer as súas raíces, foi unha experiencia única”, expresa. “O filme é froito do traballo artesán durante as miñas horas libres. Son consciente dalgunhas carencias, mais penso que se compensa coa paixón e intensidade coa que o realicei”, engade o documentalista.

 

 

FICHA TÉCNICA

Duración: 101 minutos.

Formato: H264. HD.

Protagonizada por: Abdul Fernández Fondevila

Imaxe, guión e montaxe: Ovidio Fernández Sánchez

Encargouse da produción: Catarina Fernández Fondevila

Asistencia ó guión: Xandra Tedín Mouzo, Ana Cadenas Pérez e Eva Sandino

Contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.