O director- xerente da S. A de Xestión do Plan Xacobeo inaugurará mañá, xoves, en Ponteareas diversos actos de Conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

cartel exposición peregrinatio O Convento de San Diego de Canedo acollerá este xoves, 20 de novembro, diversos actos dentro do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

Así, ás 20:00 horas, Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, inaugurará xunto ao alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, e o concelleiro de Ensino, Cultura e Turismo, Andrés Sampedro Fernández, a exposición “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago”. Esta exposición audiovisual, composta de 50 fotos máis un audiovisual, é froito da viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, seguindo a mesma ruta que desde Italia percorreu San Francisco ata chegar a Santiago de Compostela.

Tras a presentación da exposición, que será albergada no atrio do Convento de San Diego de Canedo desde o día 20 ano 29 de novembro, Rafael Sánchez Bargiela fará unha visita guiada polo convento e, como colofón, asistirase na igrexa do convento franciscano ao concerto de Samuel Diz, destacado guitarrista tudense, comprometido coa recuperación e dinamización do patrimonio musical galego.