O diario “El Tea” será dixitalizado este ano

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o texto dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura para levar a cabo o proceso – Só queda a rúbrica por parte do conselleiro de Cultura

Biblioteca-Municipal-5O periódico agrarista “El Tea”, editado entre os anos 1908 e 1936 e que tivo unha gran repercusión na historia local de Ponteareas e a súa comarca, será dixitalizado ao longo deste ano 2016. A Xunta de Goberno Local aprobou o texto dun convenio que contará coas sinaturas do alcalde do Concello de Ponteareas, Xosé Represas, e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ao que xa lle foi enviado o documento. Trátase dun convenio de colaboración para a xeración dun recurso dixital procedente do escaneamento e tratamento bibliográfico da colección da cabeceira de prensa “El Tea, años 1908-1936”, situado na Biblioteca-Museo de Ponteareas.

A firma deste documento implicará a creación dun recurso dixital de 4.628 páxinas pertencente a este importante xornal agrario de comezos do século XX e “permitirá poñer a disposición do público en xeral todo este arquivo a través da internet, garantindo ademais a súa plena conservación, pois o estado dos exemplares orixinais de “El Tea” non é mellor posible”, asegurou o alcalde, Xosé Represas.

El Tea foi un diario agrarista fundado en Ponteareas polo avogado e xornalista ponteareán Amado Garra, que posteriormente sería alcalde de Vigo durante a Segunda República. O primeiro número apareceu o 5 de setembro de 1908, editándose ata o 14 de xullo de 1936, catro días antes do golpe militar do xeneral Franco.

O financiamento desta actuación correrá a cargo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que aportará as cantidades necesarias con cargo ao Orzamento de Gastos do ano 2016, procedentes de recursos propios e da subvención concedida polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para o proxecto Enriquecimiento de las colecciones de monografías del S. XVII-XVIII  y de prensa histórica gallega de Galicia na Biblioteca Dixital de Galicia, dentro do cal estaba incluída a colección “El Tea, años 1908-1936”. O importe máximo será de 10.000 euros.