O día 29 remata o prazo para tramitar as subvencións para agrupacións e clubes deportivos

A Concellería de Deportes que dirixe Benito Márquez quere recordar aos clubs deportivos que este xoves día 29 remata o prazo para tramitar as subvencións para agrupacións e clubes deportivos sen ánimo de lucro da vila. As entidades deportivas interesadas tiveron dende o luns día 19 de novembro para tramitar a axuda tal e como o recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).

Entre as novidades desta nova convocatoria de subvencións de deportes do concello de Ponteareas está o incremento do 25% respecto ao ano anterior no que se contaba con 40.000€ fronte aos 50.000€ da convocatoria publicada hoxe. O saneamento da economía de Ponteareas permite ofrecer agora un aumento nas axudas e servizos á veciñanza.

Unha das novidades que incorpora Benito Márquez ás bases é unha cláusula social pola cal as entidades deportivas que teñan deporte a base e concorren a estas subvencións se comprometen obrigatoriamente reservar o 20 % das prazas por clase para menores de 16 anos que se atopen na seguinte casuística: menores cuxos proxenitores (pai e nai) teñan a condición de parados de longa duración; fillos de mulleres incluídas en programas de acollemento por violencia de xénero; fillos de persoas procedentes de situacións de risco social, comprometéndose a non cobrarlle taxa algunha.  Segundo recollen as bases publicadas, estes rapaces deberán estar acreditados polas Unidades de Traballo Social do Concello de Ponteareas. Non obstante, a cláusula non será efectiva ata que se estableza un protocolo de actuación entre os Servizos Sociais do Concello de Ponteareas, a Concellería de Deportes e cada unha d as entidades deportivas, onde se terán en conta outras necesidades específicas que cada modalidade deportiva requira.

 

“Somos conscientes de que os clubs e asociacións deportivas da vila xa están sendo sensibles coas situacións máis desfavorecidas, pero dende a miña concellería queremos dar un paso máis e regulalo para que a inclusión social sexa ao 100%, e non deixalo simplemente a que unha ou outra directiva teña a disposición de facelo. Creemos que se recibas diñeiro do Concello, debes estar obrigado a axudar aos rapaces máis desfavorecidos da vila”, explica Márquez.