O cruceiro da Porteliña de Bugarín xa está no seu sitio

Derrubado en febreiro de 2016, foi a segunda restauración que recibiu nos últimos tres anos

O Concello de Ponteareas ven de restaurar o coñecido como Cruceiro da Porteliña, na parroquia de Bugarín, tras ser derrubado e ficar fragmentado no mes de febreiro de 2016, sendo as causas probables ben o choque cun coche ben un acto vandálico.

O cruceiro sufrira numerosas roturas en varios anacos, quedando nun estado bastante lamentable, sendo a súa base a única parte que ficara en pé nese accidente. Non obstante, os técnicos da empresa BIC Materiales y Conservación, empresa especializada que foi a que levou a cabo o proceso de restauración, sinalaron que a base estaba medio levantada cando eles chegaron esta semana pasada, indicando que xa sufrira un segundo choque cun coche despois do derrube inicial.

Benito Márquez, concelleiro de Xestión e Protección do Patrimonio, visitou  o cruceiro para asistir ao inicio das obras de restauración e a colocación definitiva do mesmo. “Despois dun ano de tramitación e esperando os permisos necesarios, é unha boa nova que este cruceiro volva a estar outra vez en pé. Agardamos que permaneza así durante moito tempo”, sinalou Benito Márquez.

O cruceiro da Porteliña está situado no pé do camiño entre o conxunto parroquial e casa grande, no lugar do mesmo nome. A obra ten un pedestal sen ornamentos, o varal é cadrado, cos bordos rebaixados e capitel esférico, con detalles xeométricos, a parte máis antiga do elemento e a cruz é de sección rectangular.