O Consello de Ministros encarga a obra de ampliación da depuradora de Ponteareas

O Concello subscribirá un convenio coa sociedade estatal Acuaes para a realización das obras que tamén inclúen a renovación de dous colectores

Tamén está prevista a participación de Augas de Galicia no convenio para colaborar na financiación dos proxectos que suman 7,5 millóns de euros

O Consello de Ministros do pasado venres encomendou á sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A (Acuaes), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, a realización das obras de ampliación da depuradora de Ponteareas así como a renovación dos dous colectores principais. As obras terán un coste estimado de 7,5 millóns de euros.

O Consello de Ministros xustifica a decisión na “necesidade urxente desta actuación de saneamento” para dar resposta ás esixencias europeas no tratamento de augas residuais. A actuación inclúese nun paquete de obras “prioritarias” a realizar noutros tres concellos galegos: a Illa de Arousa, Poio e Sanxenxo.

Respecto ao financiamento das obras, a previsión é que a Unión Europea, a través do Estado, asuma o 60% do coste total. Para o 40% restante, o Concello aportará o 20% e a Xunta de Galicia outro 20% a través dun convenio pendente de asinar. O financiamento europeo fixa no ano 2023 o límite para o remate das obras e a entrada en funcionamento da depuradora ampliada.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas amosouse satisfeito coa decisión do goberno do Estado e lembrou que este logro “é o resultado do traballo e das negociacións que levamos adiante no mandato anterior”. O rexedor municipal lembrou que a depuradora verte ao Tea augas sen depurar ao recibir máis caudal do que pode tratar. “Este problema existe desde a súa inauguración en 1995 porque foi mal dimensionada na súa orixe. Agora poremos solución a este problema histórico que herdamos”, sinalou Represas quen engadíu que “neste mandato a recuperación ambiental do Tea e a súa posta en valor como espazo natural e de uso social é unha das nosas prioridades políticas”.

Represas califica de “hipócritas e cínicas” as críticas do PP ante as sancións da Confederación HidrográficaPor outra banda, o alcalde cualificou de “hipócritas e cínicas” as críticas do PP e da portavoz dos populares, Belén Villar, en relación coas sancións que a Confederación Hidrográfica impón ao Concello polos vertidos da depuradora. “O responsábel desas multas é, en primeiro lugar, o PP, por inaugurar unha depuradora en 1995 que xa provocaba os vertidos e non resolver o problema en 20 anos”, explicou Represas quen tamén lamentou a atitude do Grupo Ecoloxista Adenco porque “sabendo que estamos xestionando a ampliación da depuradora, siguen presentando denuncias que non sirven para solucionar o problema. Ao contrario, prexudican aos ponteareáns porque nos obrigan a destinar cartos a multas en lugar de adicalos a máis saneamento”.