A concellería de Educación e a concellería de Medio Ambiente agradecen tamén a colaboración das comunidades de montes en man común e do alumnado do obradoiro de emprego
A concellería de Educación, que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández, e a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, informan que por mor do estado de alarma trasladouse aos meses de outono parte da plantación de árbores autóctonas prevista para as últimas semanas do pasado mes de marzo, para que se produza un mellor enraizamento e plantación óptima destas case 400 árbores que foron doadas polas empresas locais Aluarmo e Darlim.
En estreita colaboración coa Comunidade de Montes en Man Común de San Cibrán e cos CEIP Santiago de Oliveira e CEIP Feliciano Barrera de Guláns no pasado mes xa se plantaron máis de cen árbores doadas pola empresa local Laureano Covelo e plantadas coa axuda do alumnado da modalidade de medio ambiente do obradoiro de emprego “Coidar de Nós II”
Agora, mentres non chegue a climatoloxía axeitada, as árbores restantes permanecen ben coidadas en Viveiros Canedo e en fincas para que no outono o alumnado dos CEIPs Fermín Bouza Brey e Mestre Ramiro Sabell M. e dos CPRs La Inmaculada e Santiago Apóstol procedan a plantalas no Regato da Venda. Trátase de especies propias da beira do regato como os freixos e ameneiros e na zona da explanada, máis preto do complexo deportivo, pradairos e bidueiros que aportarán unha ampla sombra na que descansar.
En total, e coas árbores aportadas polo Concello, esta iniciativa fai posible a plantación de 500 árbores autóctonas que farán máis grandes os pulmóns da nosa vila para que todos e todas poidamos gozar dunha vida máis saudable e agradable. Unha iniciativa que involucra a máis de 500 alumnos e alumnas.
Rosa Covelo e Cristina Fernández salientan a colaboración das comunidades de montes en man común e da comunidade educativa e agradece o apoio e colaboración das empresas locais Aluarmo, Darlim e Laureano Covelo que, xunto á Comunidade de Montes de San Cibrán, doaron as árbores plantadas pechando este amplo círculo participativo que implica diferentes idades e sectores da poboación e contribúe na amplificación do respecto e posta en valor do patrimonio natural.