O Concello subvenciona con 34.500 euros 18 novos postos de traballo de persoas desempregadas

As axudas concedéronse con cargo á partida do salario do alcalde trala renuncia de Xosé Represas

O Concello de Ponteareas concedeu un total de 19 subvencións con cargo á liña de subvencións para fomento da creación de emprego, creada grazas á renuncia de Xosé Represas ao seu soldo como alcalde trala súa toma de posesión.

Segundo informa o Concello, presentáronse numerosas solicitudes de subvención por parte de emprendedores en paro e empresas da localidade e dada a limitación do presuposto foron atendidas 19.

Delas, un total de 15 persoas que se atopaban en situación de desemprego percibirán 2.000 euros cada unha por darse de alta como autónomos, levando a cabo proxectos de autoemprego, principalmente nos sectores da hostalería (un dos máis importantes do concello) e do transporte.

Ademais, respecto á contratación de persoas desempregadas por parte de empresas, o Concello subvencionará a creación de 2 contratos temporais de 1 ano de duración (1.000 euros cada un deles) e 500 euros para a creación dun contrato temporal de 6 meses.

Por último, tamén se concedeu unha axuda de 2.000 euros pola conversión dun contrato laboral noutro indefinido.

O 50% da cantidade de cada unha destas axudas será entregada de maneira inmediata, aos beneficiarios mentres que o 50% restante abonarase unha vez sexa verificado o cumprimento das bases que rexen estas subvencións. A partida orzamentaria para creación e fomento do emprego para este ano 2016 “será, polo menos, de 50.000 euros”, asegurou o Alcalde.

Xosé Represas manifestou a súa satisfacción porque “convocamos a liña de subvencións en tempo record e logramos incentivar a creación de 18 postos de traballo no sector privado e a conversión dun traballador temporal en indefinido. Aspiramos a moito máis pero este xa é un paso importante na boa dirección”. Segundo o alcalde “o obxectivo prioritario do goberno municipal é crear emprego e favorecer o desenvolvemento económico de Ponteareas e non escatimaremos esforzos para conseguilo”.