O concello somete a consulta as alternativas de humanización da rúa Redondela

Grazas ao apoio da Unión Europea que financia a través dos fondos FEDER a estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, o Concello de Ponteareas iniciou o proceso de participación social para definir a humanización da rúa Redondela partindo de dúas alternativas elaboradas por un equipo técnico. Para informar á veciñanza e recoller as súas opinións e propostas estase a repartir a domicilio un tríptico informativo cos datos completos das dúas alternativas e as correspondentes infografías. Ademais, a web municipal dispón dun espazo no que se poden consultar as alternativas propostas e transmitir opinións e ideas. O proceso rematará cunha reunión que se celebrará o 5 de febreiro ás 19:30 horas na sala multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo.

As alternativas proxectadas contemplan a ampliación substancial das beirarrúas que oscilarán entre un mínimo de 2,50 metros e un máximo de 6,00 metros. Ademais, en todas as opcións se contempla a plantación dun total de 36 árbores e a instalación de 16 farolas con tecnoloxía led, 6 bancos, papeleiras, dispensadores de bolsas para excrementos de cans e paneis informativos para colocación de cartelería municipal. Tamén se reducirá o límite de velocidade aos 30 km/h.

En canto aos estacionamentos de vehículos, dun total de 90 prazas existentes na actualidade, a redución contemplada oscila entre as 32 prazas (35%) na opción máis restritiva e as 18 (20%) na de menos impacto. Nesta última prevese un tramo de rúa con sentido único de circulación. En todo caso, o goberno sinala que está realizando xestións para dispor de novas zonas de aparcamento nas proximidades da rúa Redondela.

O alcalde Xosé Represas animou á veciñanza a participar no proceso “para entre todos transformar por completo a rúa Redondela converténdoa nun lugar pensado para a xente, no que vivir, pasear e desfrutar”. No mes de febreiro redactarase o proxecto definitivo e en marzo licitarase a obra prevéndose a súa execución durante o ano 2019.